- O BNG tamén demanda un protocolo de prevención e protección para garantir a seguridade das mulleres traballadoras do SAF.
A deputada socialista Silvia Longueira mantivo unha xuntanza con representantes do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia para analizar a situación de risco á que se enfrontan a diario as profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e trasladarlles o apoio e compromiso do Grupo Socialista cun cambio inmediato na normativa. No encontro participaron a presidenta do colexio, Míriam Rodríguez; a vicepresidenta, Ana Vilar, e o coordinador da entidade, David Gontán.
“O que pasou no Porriño foi un crime que se puido evitar, pero o máis preocupante é que non foi un feito illado”, advertiu Longueira. Segundo explicou, as traballadoras levan anos alertando da falta de protección que sofren: entran soas nos domicilios, en moitas ocasións sen información previa, e mesmo cando detectan situacións de risco deben continuar co servizo ata recibir indicacións por parte da administración.
A normativa vixente –a Orde do 22 de xaneiro de 2009, que regula o servizo de axuda a domicilio en Galicia– establece que a prestación do servizo debe adaptarse ao programa individual de atención da persoa usuaria, e que calquera modificación ou extinción dese programa debe ser notificada ao órgano competente da Xunta. A decisión final sobre suspensións recae, por tanto, na Consellería de Política Social, a través da súa Inspección de Servizos Sociais. Os concellos, aínda que son titulares do servizo, non teñen potestade para actuar de forma autónoma ante situacións urxentes, polo menos nos casos vencellados á dependencia.
Por iso, o PSdeG presentará unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para promover a modificación da normativa e habilitar ferramentas que permitan actuar de forma inmediata ante situacións de perigo. “Non é razoable que teñan que continuar prestando un servizo cando hai sinais evidentes de risco. É unha cuestión de seguridade e tamén de dignidade profesional”, sinalou Longueira.
A deputada socialista demanda á Xunta que active xa unha mesa de diálogo coa participación dos concellos e dos colexios profesionais para revisar o funcionamento do servizo e establecer un novo protocolo máis áxil e eficaz. “A coordinación entre administracións é clave, pero tamén o recoñecemento da experiencia e das demandas das profesionais, que deben participar directamente na elaboración das solucións”, sinalou.
O BNG tamén demanda un protocolo de prevención e protección para garantir a seguridade das mulleres traballadoras do SAF
O BNG considera que o asasinato dunha traballadora do Servizo de axuda no fogar (SAF) non pode quedarse nun titular senón que ten que ser un punto de inflexión para tomar medidas urxentes que garantan a seguridade e a protección das miles de mulleres que prestan un servizo sociosanitario público en condicións de moita precariedade e, neste sentido, a formación nacionalista pide unha implicación inmediata do goberno da Xunta para negociar cos concellos un protocolo de prevención e protección.
“É evidente que urxen medidas que garantan mellores condicións laborais e iso inclúe maior seguridade destas traballadoras nos fogares, porque son os seus centros de traballo”, explica a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, “demandamos ao goberno da Xunta que se implique para que algo así non volva suceder”. En concreto, o BNG propón que a negociación dun protocolo de seguridade para as traballadoras do SAF se faga de inmediato aproveitando a comisión mixta Xunta-Concellos.
“Esa comisión ademais de negociar o incremento da financiación deste servizo, se pode aproveitar para acordar e introducir medidas concretas de salvagarda e de protección, protocolos de prevención e de actuación en situacións de acoso, agresión ou doutra índole, e que esas medidas que se acorden sexan aplicadas de maneira homoxénea en todos os concellos”, explicou Rodil.
Nun momento no que están sobre a mesa as agresións que sofren os traballadores da sanidade pública e como evitalas poñendo en marcha medidas, “non podemos deixar ás traballadoras do SAF, que tamén son traballadoras de servizos públicos sociosanitarios esenciais, desprotexidas”, alega a viceportavoz parlamentaria.
O goberno de Rueda, recalcou, debe tomar a iniciativa para que as miles de mulleres que prestan este servizo nos fogares galegos teñan un protocolo de protección e prevención de riscos laborais, “que sexa esixible ás empresas”, que deberán aplicar ese protocolo cando unha traballadora denuncie unha situación de agresión.
“Ten que haber mecanismos para poder activar de maneira inmediata e garantir a protección desas traballadoras”, subliñou Rodil, quen transmitiu todo o apoio e solidariedade do Bloque á familia de Teresa de Jesús así como ao conxunto de traballadoras do SAF.
Rodil destacou que é urxente actuar porque estamos falando dun colectivo de miles de mulleres que van todos os días a fogares particulares que son os seus centros de traballo “e nos que están absolutamente soas”. “O asasinato de Teresa de Jesús ten que marcar un cambio de rumbo e tanto a Xunta como os concellos deben implicarse para que algo así non volva suceder”, reitera.
O BNG xa ten presentado iniciativas parlamentarias para mellorar as condicións de traballo no SAF, ademais de manter reunións coas traballadoras, coas organizacións sindicais e cos propios concellos para abordar unha reforma integral deste servizo que conta hoxe con 23.000 persoas usuarias.
“Son milleiros de mulleres que desenvolven o seu traballo cada día en condicións tremendamente precarias, con salarios baixísimos, desprazándose ós domicilios nos seus propios vehículos, sufrindo moitas veces insinuacións, agresións e exixencias nas casas que nada teñen a ver co que determinan os plans de coidado. Hai que tomar medidas de inmediato para cambiar esta situación que soportan miles de traballadoras dun servizo público esencial”, conclúe Rodil.