O Interplay reunirá en Carballo os “Masters da internet” de Galicia


A 8ª edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay reunirá un ano máis na capital bergantiñá o mellor talento dixital galego, as e os “Masters da internet” de Galicia. Creadoras e creadores de series web, de podcast e de contidos para Youtube, Tik Tok e Twitch protagonizarán o primeiro encontro transversal de creación galega online, o xoves 9 de setembro.

Un dos obxectivos do Carballo Interplay é seguir transformando, medrando, ensinando, e promocionando o talento galego na rede. Por isto, nesta edición, o equipo do festival artellou un encontro cos principais puntas de lanza nas novas narrativas dixitais do país moderado por Alba Mancebo e Esther Estévez, dúas das caras máis novas e máis representativas da presenza da TVG na rede.

Entre os “Masters da internet” que analizarán en qué momento se atopa a creación dixital en Galicia e qué retos afrontará no futuro atópanse os ilustres gañadores do premio Galitwitter, Jon Amil e Mira1cousinha; representantes de dous dos podcasts máis exitosos do último ano, Samuel L. París (MBA mal) e Carme D. Prol (Café Derby 21), da man do creador de Podgalego, Isaac González; creadoras de contido para Youtube, Olaxonmario e Nee Barros, e Tik Tok, Malva e Leti da Taberna; ou un dos impulsores da iniciativa Twitch en Galego, Agos Reigosa.