O Concello de Camariñas colabora coa Asociación Carnavales Ponte do Porto (PonteDisfraz) na organización da segunda edición de PonteFriki, o gran evento dedicado á cultura xaponesa, o gaming, o cosplay e o lecer alternativo da Costa da Morte. A cita terá lugar a vindeira fin de semana, os días 14 e 15 de marzo, no polideportivo da Ponte do Porto.
Tras a enorme acollida da primeira edición, a organización decidiu dar un salto cualitativo e cuantitativo. O recinto ampliarase coa instalación de tres carpas climatizadas, o que permitirá ofrecer o dobre de contidos e actividades ca o ano pasado.
Entre os pratos fortes desta edición destaca a presenzas de grandes convidados. O sábado 14 ás 17:30 horas, o escenario acollerá un fantástico concerto da recoñecida pianista e creadora de contido Elesky. O domingo 15 será a quenda do actor de dobraxe Julio Lorenzo, moi querido polo público por poñer a voz ao primeiro Goku en galego ou ao personaxe de Bocón en Cómo entrenar a tu dragón.
Os asistentes a PonteFriki poderán desfrutar de múltiples espazos temáticos deseñados para todos os públicos.
Zona Gaming: duplica o seu tamaño e porase á disposición do público consolas como Playstation, Xbox, Nintendo Switch, a nova Switch 2 e diversos ordenadores. Celebraranse torneos de FIFA, 2XKO, Smash Bros e Mario Kart, ademais do apaixonante reto ‘Enfréntate contra un Pro do Tekken’. Como novidade, habilitarase un espazo de realidade virtual.
Zona de Talleres: amplíase a oferta con talleres para crear o teu propio sabre de luz, cristais Kyber, Funkos, terrarios Pokeball, pocións máxicas ou construcións de Lego.
Zonas de Stands e Exhibición: os artistas e artesáns terán un espazo para expor e vender as súas creacións, acompañados este ano por unha zona comercial de tendas friki (espadas, figuras, camisetas, cartas…). Ademais, haberá unha área de exhibicións con espectaculares montaxes de Lego e Playmobil, así como unha mostra da primeira xeración de ordenadores portátiles do mundo.
Escenario e Lecer: a programación inclúe charlas (coma a do influencer Deeibis), quizzes interactivos, concursos de Kpop e cosplay, e unha exhibición de bailes caribeños a cargo dos campións da escola Arte e Movemento. A oferta complétase con Paintball, Escape Room, xogos de mesa, inchables, photocall con alugueiro de quimonos tradicionais, recreativas e clases para manexar sabres láser.
Lanzamento de desexos e ‘PartyFriki’
O momento máis máxico da fin de semana chegará o sábado 14 ás 20:00 horas, cun lanzamento conxunto de faroliños voladores ao ceo, onde cada persoa poderá mandar o seu maior desexo.
Xusto despois, ás 21:00 horas, dará comezo a PartyFriki, unha festa temática de entrada gratuíta. O único requisito de acceso (código de vestimenta) é levar calquera complemento ou roupa «friki», dende unha camiseta de Stranger Things ata unhas lentes de Harry Potter. A festa estará amenizada polo concerto do grupo Os Gremlins e o peche correrá a cargo da Dj Mai, que picará dende Kpop ata os mellores temas de videoxogos e anime.
Entradas e viaxes organizadas
Para facilitar a chegada de visitantes doutras zonas de Galicia, a organización habilitou paquetes especiais con autobús. As modalidades e prezos son os seguintes:
- Entrada 1 día: 6 euros.
- Entrada 2 días: 9 euros.
- Pack Entrada Sábado + Autobús dende A Coruña (ida e volta): 17 euros.
- Pack Entrada Sábado + Autobús dende Vigo e Pontevedra (ida e volta): 22 euros.
- Pack Entrada 1 día + Camiseta PonteFriki x Death Coast: 20 euros.
- Pack Entrada 2 días + Camiseta PonteFriki x Death Coast: 22 euros.