O Partido Socialista de Galicia reclama a dimisión inmediata do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, tras o seu voto en contra dunha moción que apoiaba o incremento do investimento estatal en materia de defensa ata o 2 % do PIB, medida impulsada polo Goberno de Pedro Sánchez.
O portavoz municipal socialista, Ángel Mato, criticou duramente a postura do rexedor e acusouno de antepoñer os intereses do seu partido aos da cidade. Mato lembrou que a construción naval militar é un dos piares económicos da comarca de Ferrolterra e que grazas ao impulso do Goberno central se están a investir 4.500 millóns de euros na construción de cinco fragatas, xerando preto de 9.000 empregos.
«En 2017 as gradas do estaleiro estaban baleiras. Hoxe temos o maior programa de construción naval militar que houbo nunca nesta cidade. O voto do alcalde en contra da estabilidade dese investimento é absolutamente incomprensible», afirmou Mato.
«Ningún alcalde de Ferrol debería pasar nin un minuto máis no cargo se non é capaz de defender os intereses da súa cidade fronte aos do seu partido», engadiu.
Mato puxo como exemplo a coherencia do PP en Narón, onde os populares apoiaron a mesma moción, destacando que «entenderon a importancia estratéxica da defensa para a comarca». Pola contra, censurou que en Ferrol o PP se posicionase, ao seu xuízo, «en contra da creación de emprego e da estabilidade industrial».
O voceiro socialista tamén puxo en valor outros investimentos do Executivo central en Ferrol, como a modernización do estaleiro, as obras no porto interior ou a aposta polo ferrocarril. Anunciou ademais que manterá encontros co Ministerio de Defensa para reclamar o dique cuberto para Ferrol e nova carga de traballo.
«Ese papel tócalle desempeñalo ao alcalde. Eu fágoo porque teño un compromiso ineludible cos cidadáns, pero quen debería lideralo é o señor Rey Varela», asegurou Mato.
Pola súa banda, Bernardo Fernández, secretario provincial do PSdeG, cualificou a postura do alcalde de «cínica» e «contraditoria», ao participar en
actos vinculados co sector naval e coas Forzas Armadas mentres vota en contra da súa consolidación orzamentaria.
«Ninguén se imaxina a Abel Caballero votando en contra dun aumento do investimento no sector da automoción en Vigo, ou a Inés Rey facendo o mesmo co sector téxtil na Coruña. Pois aquí, en Ferrol, o alcalde vota en contra dun sector fundamental para a economía da cidade», sinalou.
Fernández lembrou que o 17 % do emprego da provincia da Coruña depende directamente da defensa e lamentou que tamén na Deputación se rexeitase a moción, con votos en contra do PP, incluída a concelleira ferrolá Susana Sanjurjo.
«Non se pode ir a manifestacións pedindo carga de traballo para o naval e logo votar en contra dunha medida que garante precisamente iso», concluíu.
Tanto Mato como Fernández coincidiron en que o voto negativo á moción supón «dar as costas aos traballadores, ás súas familias e á historia industrial de Ferrol». Por iso, reiteraron a esixencia de que José Manuel Rey Varela abandone a Alcaldía.