En total, 1.229 é o balance de incidencias contabilizadas no 112 Galicia relacionadas coa meteoroloxía adversa, que desde o luns e ata as 18:00 horas deste martes deixase notar na comunidade.
As incidencias causadas por esta borrasca tenden a diminuír, aínda así, insistimos na necesidade de extremar a precaución sobre todo á hora da condución.
Árbores, desprendementos de terra e pedras, formación de fochancas nos pavimentos ou caída de obstáculos na vía poden causar colisións ou saídas de vía.
De feito, un bo número de incidencias debeuse á cantidade de accidentes producidos estes días nas vías galegas. Aínda que por fortuna non houbo que lamentar persoas falecidas, neste período de tempo, contabilizáronse un total de 61 accidentes con persoas feridas, 5 nos que foi necesario o uso de material de excarceración e un total de 116 que se saldaron con danos materiais.
Así, na tarde deste martes, destacamos dous accidentes en Caldas e Portas causados polos efectos da meteoroloxía adversa.
Dous coches coliden por mor da sarabiada caída en Caldas
Ás 15:26 un particular informaba ao 112 Galicia de varios turismos ao seu paso por Caldas de Reis, cando circulaban pola AP-9, quilómetro 11, en Saiar.
Segundo comunicaba outro alertador, finalmente, foron dous vehículos os implicados que, ao esvarar por mor da sarabia, terminaron chocando contra os laterais da vía. Aínda que non sabía precisar si había persoas feridas ou non, igualmente, desde o 112 Galicia pasouse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e ao persoal de AutoEstradas.
Accidente múltiple en Portas
Tamén, sobre as tres e media desta tarde, un particular comunicaba ao 112 Galicia de que saírase da vía ao facerlle o coche aquaplaning e que batera contra outro coche que adiantaba a un camión, na AP-9, quilómetro 113, á altura de Romai, dirección Pontevedra, en Portas. Ademais, no transcurso da chamada cos xestores do 112, o implicado, comunicaba que outros dous vehículos tamén chocaran contra eles. Afortunadamente, ningunha persoa resultou ferida.
Foron informados deste accidente, os axentes da Garda Civil de Tráfico, Policía Local, Ges de Padrón, efectivos de Protección Civil de Caldas e de Cuntis e o persoal de AutoEstradas. Así como os Bombeiros de Vilagarcía.
Unha vez no punto, os membros do GES confirmaron ao 112 Galicia que neste accidente houbo 13 vehículos implicados sen que ningunha persoa resultara ferida.
Outras das tipoloxías máis repetidas foi a da caída de árbores e pólas nas estradas (362), incidentes por prevención de riscos (120), terra e pedras caídas nas estradas (94), restos de accidentes e obxectos varios (70), inundacións nas estradas (65) e inundacións en vivendas (31) entre outras.
En canto ás provincias, a de Pontevedra foi sen lugar a dúbida a que rexistrou máis incidentes (545), seguida a de A Coruña (376), a de Lugo (181) e por último a de Ourense (126).
Entre os concellos destacamos o de Vigo (80), Santiago de Compostela (42), Pontevedra (41), A Estrada (40), O Porriño (21), Mos (17), As Pontes de García Rodríguez (41), Quiroga (13) e Ourense con (15) incidentes.
Tamén debemos estar moi atentos aos caudais dos ríos. Lembramos que permanece activo o Plan Inungal da Xunta de Galicia.
Os ríos que se atopan en seguimento son os seguintes:
O río Mandeo en Coirós, o Anllóns en Cabana de Bergantiños e Ponteceso, o Río Grande en Vimianzo, o Tambre en Oroso, Santiago e Trazo, o Umia en Caldas de Reis e Cuntis, o Ribadumia en Cambados, o Lérez en Pontevedra, o Verdugo en Redondela, o Mera en Cambre e Culleredo, o Ladra en Vilalba, Begonte e Guitiriz, o Sil no Barco de Valdeorras, Rubiá, Vilamartín e A Rúa e o Támega en Verín, Oímbra e Monterrei.
Lémbrase a necesidade de adoptar as medidas preventivas correspondentes, así como de alertar ou mobilizar os medios e recursos dispoñibles en función da situación.