O Plan Único da Deputación inviste 9,5 millóns de euros en Negreira

1 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, realizaron este luns un balance conxunto do impacto do Plan Único (POS+) no municipio, que na última década permitiu executar 41 obras e investir 9,5 millóns de euros, dentro dun investimento global da Deputación en Negreira que supera os 19,5 millóns de euros. Negreira recibiu este ano 1.680.918 euros do POS+2025, uns fondos que se destinan a novas obras, gasto social e servizos básicos para a poboación.

O presidente provincial salientou que, grazas a este programa, Negreira puido acometer proxectos fundamentais de saneamento, abastecemento de auga, mellora de camiños e espazos públicos, que doutro modo serían difíciles de financiar con recursos propios. «Obras como a nova rede de saneamento e a estación de bombeo de augas residuais do lugar de Abeanca, cun investimento de 89.000 euros, son un bo exemplo de como o POS+ mellora a vida cotiá da veciñanza e dota de servizos básicos ás zonas rurais», afirmou o presidente provincial, que instou á Xunta a incrementar o Fondo de Cooperación Local para mellorar o financiamento dos municipios con ferramentas transperentes e útiles para os concellos como o POS+.

O alcalde Manuel Ángel Leis subliñou que «o Plan Único é unha ferramenta imprescindible para concellos como Negreira, porque permite planificar actuacións de longo prazo e mellorar servizos básicos como o saneamento, o abastecemento ou a mellora de vías municipais. Sen o apoio da Deputación, moitas destas obras non serían posibles», apuntou. «Esperemos que outras administracións tomen nota desta colaboración e desta forma de reparto obxectivo», afirmou o rexedor.