O porto de Vigo acolle as primeiras probas 5G aplicadas á vixilancia e seguridade


O Porto de Vigo sitúase na vangarda no desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en tecnoloxía 5G aplicadas a instalacións portuarias ao acoller dous casos de uso do proxecto liderado por Orange. Un relativo a vixilancia mariña con naves non tripuladas empregando 5G, e outro para o control automatizado de acceso ás lonxas a través do recoñecemento facial. O Salón de Sesións da Autoridade Portuaria de Vigo acolleu un acto de demostración da solución para o control automatizado de acceso ás lonxas, un dos 30 que se están a realizar en Galicia, dos que 12 son en Vigo. Esta cidade reafírmase deste xeito na cabeza da adopción do 5G en España.

O sistema foi desenvolvido por Orange, que liderou este piloto xunto con Ericsson e Inetum, e forma parte do proxecto liderado pola operadora que inclúe 13 casos de uso, cun investimento global de 9 millóns de euros, financiado por Red.es, e no que colaboran 20 empresas e entidades públicas e privadas. Galicia é unha das dúas comunidades españolas que acolle dous proxectos financiados por Red.es para o desenvolvemento de casos de uso baseados en tecnoloxía 5G. As adxudicatarias destes proxectos foron Telefónica e Orange. 

A tecnoloxía 5G será relevante no desenvolvemento de proxectos dixitais sectoriais pero tamén será imprescindible para que nunha poboación tan dispersa como a de Galicia se poida cumprir o obxectivo de despregamento universal de banda larga ultra rápida fixado pola UE para 2025.