O PP critica que se aprobe un recoñecemento extraxudicial de crédito en Camariñas

1 minutes read

O grupo municipal do Partido Popular de Camariñas criticou a través da súa voceira, Paula Mouzo, que o Goberno Local leve a pleno a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito por máis de 170.000 euros para facer fronte ao pago de 111 facturas pendentes.

“Este goberno converteu un recurso extraordinario nunha práctica habitual”, criticou Mouzo, que xustificou a abstención da súa formación alegando que “non podemos apoiar que se converta en norma un mecanismo que a propia Intervención define como extraordinario, nin tampouco un expediente que conta cun reparo da Intervención municipal”.

A popular afirmou que o feito de que o executivo presente agora gastos de exercicios anteriores realizados sen crédito presupuestario evidencia unha deficiente planificación e un atraso nos pagos que prexudica a pequenas empresas e autónomos.