A portavoz do PP de Camariñas e deputada autonómica, Paula Mouzo, presentou un rogo urxente ao Concello para solicitar que alerte á veciñanza ante a existencia de posibles estafas relacionadas coa renovación dos contratos de electricidade.
Mouzo explica que xa se coñecen varios casos no municipio nos que persoas se fan pasar por operarios de compañías eléctricas e cobran diñeiro pola suposta renovación dos contratos, unha práctica que pode afectar especialmente ás persoas maiores e aos colectivos máis vulnerables.
Por este motivo, os populares reclaman ao goberno municipal que informe de inmediato á cidadanía a través das súas canles oficiais e que, en colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, organice as actividades informativas e de difusión que considere oportunas para previr novas estafas.
“O Concello debe actuar con rapidez para que ningún veciño caia neste engano. A información e a prevención son fundamentais para evitar novas vítimas”, subliña Paula Mouzo.
