O PP esixe á Deputación da Coruña que acometa con ‘urxencia’ o desbroce das estradas provinciais

1 minutes read

O voceiro do grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña, Evaristo Ben, trasladou ao pleno a necesidade de que o Goberno provincial acometa con “urxencia” o inicio dos traballos para a roza das estradas provinciais.

Ben aproveitou a súa quenda de rogos e preguntas para coñecer o estado no que se atopa o expediente que permite comezar cun labor que, ao seu xuízo, xa van tarde. “Estamos en pleno verán e o estado das vías provinciais é preocupante, por non dicir que lamentable en moito casos”, afirmou.

O popular lembrou que o ano pasado a tarefa de roza das estradas xa comezou con atraso debido a un problema co contrato de adxudicación. “Polo que tiñamos entendido, este asunto quedou solucionado a finais de ano, co que agora non entendemos por que non comezaron os traballos”, apuntou Ben.

Neste sentido, o voceiro popular subliñou que este asunto preocupa, “e moito”, aos alcaldes e voceiros da provincia, tendo en conta que, tal e como explicou, a falta de roza das carretras supón un problema de seguridade viaria  e tamén incrementa o risco para propagación de incendios.