O Concello de Cabana de Bergantiños organiza unha nova edición do Programa Meniñeiro para esta Semana Santa. A iniciativa está dirixida a nenos e nenas de educación infantil e primaria empadroados en Cabana, co obxectivo de facilitar a conciliación das familias non lectivo.
O Programa Meniñeiro desenvolverase na Casa da Cultura do 30 de marzo ao 1 de abril (os tres días laborais da Semana Santa) en horario de 10:00 a 14:00 horas. Os participantes levarán a cabo actividades educativas e lúdicas coas que se poderán divertir durante as súas vacacións.
As inscricións poderán formularse por dúas vías. A principal será a través da páxina web do Concello, aínda que quen teña dificultades pode apuntarse nas dependencias do Concello de 9:00 a 14:00 horas. O prazo abrirá ás 9:00 horas do 9 de marzo e pecharase ás 14:00 horas do 13 de marzo.
As prazas asignaranse por orde de inscrición. As bases completas do programa están publicadas no taboleiro de anuncios do Concello.