O PSdeG-PSOE de Zas adicará o Día da Muller Rural, celebrado o pasado día 15 de outubro, á zaseira Mª Isabel Suárez Amado, cunha homenaxe que terá lugar este sábado 18 de outubro.
A Casa do Pobo, na Rúa Agra dos Cregos, acollerá ás 18:00 do sábado o acto e a entrega á familia dun recoñecemento a Suárez Amado, unha muller «que adicou a súa vida a mellorar a súa vila», en palabras da voceira socialista local Sheila Rial.
Estivo vinculada dende moi nova á vida asociativa na súa parroquia de San Cremenzo de Pazos, ocupando numerosos cargos nas comisión de festas e na Asociación de Veciños. Tamén á cultura, como parte da Escola Municipal de Teatro de Persoas Adultas de Zas, e á política, formando parte das listas electorais do PSOE de Zas dende 1995 durante varias lexislaturas consecutivas.
O seu falecemento en outubro de 2018 causou unha fonda conmoción en todo o municipio, posto que era unha persoa moi coñecida e querida que se adicou plenamente a mellorar a vida no rural.
«Queremos facerlle unha merecida homenaxe, dende o respecto e con todo o cariño, para recordala e agradecerlle todo o que loitou por mellorar a súa parroquia e o seu municipio, e faremos entrega dun merecido recoñecemento que será recollido por súa nai», afirma Rial.
«É unha honra poder facer este acto, co que queremos devolverlle un pouco de todo o que ela nos deu», sinala a socialista. «Quero agradecerlle a súa nai, a señora Élida, o seu apoio para facelo e que poidamos entregarlle este recoñecemento a ela, vai ser algo moi emotivo e bonito», engade.
O acto de homenaxe estará aberto, en palabras de Rial, «a todas as persoas que queiran acompañarnos, recordala e agradecerlle todo o que fixo».