O PSdeG Provincial da Coruña celebrou este domingo o seu 5º Congreso Provincial coa reelección de Bernardo Fernández Piñeiro como secretario xeral provincial. No seu discurso, Fernández agradeceu á militancia pola súa implicación e pola mostra de unidade que representa a súa reelección sen oposición, que cualificou como “un exemplo que nos fortalece como organización”, expresou.
“Asumo esta responsabilidade coa mesma humildade, ilusión e compromiso que hai tres anos”, sinalou o secretario xeral, poñendo o foco en que o verdadeiro obxectivo non é só gañar eleccións, senón “traballar pola sociedade, garantir dereitos e liberdades e facer de Galicia un lugar máis xusto e igualitario”.
Durante o congreso, o PSdeG reafirmou o seu obxectivo de reforzar a acción política no territorio e preparar as vindeiras citas electorais, co foco posto en gañar un maior número de alcaldías, manter a Deputación da Coruña e en levar a José Ramón Gómez Besteiro á presidencia da Xunta de Galicia.