O PSdeG-PSOE da Laracha esixe a reubicación inmediata da antena do CEIP Ramón Otero Pedraio

2 minutes read

A voceira do Grupo Municipal Socialista da Laracha, Inés Ramos López, rexistrou un escrito dirixido á Alcaldía no que reclama a paralización das obras e o esgotamento das vías legais que impidan a instalación dunha antena de telefonía no núcleo da Botica, nas inmediacións do CEIP Ramón Otero Pedraio.

Ramos cuestiona a actuación do Goberno local e cualifica de “deixadez de funcións” a resposta do alcalde, José Manuel López Varela. A voceira lembrou que, tras a paralización das obras en 2023 motivada polas queixas veciñais, non se tivo constancia de novas xestións por parte do executivo municipal para ofrecer unha solución definitiva ou estudar alternativas técnicas. Esta “falta de actuación” permitiu a continuidade do proxecto, o que, segundo indica, está a xerar “alarma social” e un “rexeitamento unánime” na comunidade educativa.

O grupo socialista sinala ademais que o emprazamento previsto afecta a un “espazo sensible”, de acordo co Real Decreto 1066/2001, no que debe prevalecer o principio de cautela. Neste sentido, Ramos sostén que “a presenza da antena altera o benestar emocional e a tranquilidade da comunidade” e apunta tamén a unha posible incompatibilidade co Plan de Benestar e Convivencia da Consellería de Educación e co artigo 50 da Lei 11/2022.

Ante esta situación, o PSOE da Laracha solicita a paralización inmediata de calquera actuación na parcela contigua ao centro educativo, así como que o Concello certifique se existen ou non alternativas técnicas menos invasivas fóra do recinto escolar. Do mesmo xeito, demanda a reubicación da infraestrutura co obxectivo de garantir o servizo sen afectar á poboación menor e reclama acceso completo ao expediente municipal relacionado co proxecto.

“O Concello debe exercer a súa facultade de vixilancia urbanística e ambiental para garantir que non se comprometa a saúde nin o impacto visual da zona”, conclúe a voceira socialista.