O PSdeG-PSOE denuncia no Parlamento de Galicia o «estado lamentable» do CPI de Zas

1 minutes read

Os socialistas rexistran unha iniciativa parlamentaria para esixir solucións a esta problemática por parte da Xunta de Galicia.

A parlamentaria socialista Patricia Iglesias mantivo unha serie de reunións coa voceira socialista en Zas, Sheila Rial, na que a zaseira trasladoulle á deputada as reivindicacións da ANPA do centro, que presenta goteiras e humidades entre outras deficiencias.

«Os que somos nais e pais non queremos que os nosos nenos e nenas vaian a un colexio nun estado lamentable», sinala a deputada socialista. «O Concello de Zas é un gran esquecido para a Xunta de Galicia», engade.

A socialista lembra que o PP rexeitou as emendas presentadas polo Grupo Parlamentario Socialista para engadir investimentos en Zas nos orzamentos da Xunta para 2026, e indica así mesmo que, ademais do CPI de Zas, o CEIP Labarta Pose tamén presenta numerosas  deficiencias.

«Rexistramos no Parlamento unha iniciativa que debatiremos en vindeiras datas, onde reclamamos á Xunta de Galicia, en concreto á Consellería de Educación, que dunha vez por todas atenda a necesidade de que se faga unha reforma integral do CPI de Zas», anuncia Iglesias.

«Non queremos parches, queremos que a Xunta de Galicia colla o touro polos cornos, que ten o orzamento necesario, e que faga esa reforma integral que vén reclamando desde fai moitos anos a comunidade educativa», conclúe.