O PSdeG-PSOE reuniuse con persoal sanitario do PAC da Laracha e o PAC de Ponteceso 

1 minutes read

Fíxoo co obxectivo de coñecer a súa situación e as súas demandas, especialmente con respecto á nova reforma da Atención Primaria impulsada pola Xunta de Galicia. 

Nesta xuntanza participou Patricia Iglesias, deputada socialista no Parlamento de Galicia, así como portavoces socialistas da comarca. Estiveron o voceiro en Ponteceso, Lois Carballido, e a voceira na Laracha, así como o voceiro en Coristanco e coordinador comarcal José Manuel Pérez Abelenda. 

Iglesias denunciou que «O Sergas quere levar a atención primaria de volta aos anos 90» e sinalou que o persoal sanitario trasladoulles «a súa preocupación polo decretazo que acaba de impoñer ao Sergas unha reforma feita sen consenso, de costas ao persoal sanitario e que supón máis carga de traballo, incluso o peche dalgún centros de saúde». 

Para a socialista, esta reforma suporá «máis precariedade e, sobre todo, peor atención sanitaria aos veciños e ás veciñas da comarca. «Mentres faltan médicos e persoal sanitario, o SERGAS responde con máis improvisación e con recortes encubertos», engade. 

«Nós xa rexistramos no Parlamento de Galicia unha iniciativa para esixir reverter esta decisión unilateral do SERGAS e establecer un mecanismo de estudio, de análise, coa participación dos profesionais para reforzar a atención primaria e os PACs na comarca», indica a deputada.