O PSOE da Laracha propón a creación dunha comisión de traballo sobre «o non á planta de biogás»

1 minutes read

O PSdeG-PSOE da Laracha reclámalle ao alcalde do municipio que transmita o rexeitamento ao proxecto de instalación dunha planta de biogás en Vista Alegre, Soandres, á Xunta de Galicia.

«Ante o crecente rexeitamento veciñal á planta proxectada, dende o PSOE da Laracha esixímoslle ao alcalde a creación inmediata dunha comisión de traballo conxunta», sinala a voceira socialista local Inés Ramos López.

A portavoz explica que «esta comisión debe estar integrada por representantes da plataforma de persoas afectadas e asociacións veciñais, así como por representantes de todos os grupos políticos con representación municipal».

«O obxectivo é único e irrenunciable, manter unha xuntanza directa coa Conselleira de Medio Ambiente para trasladarlle, de primeira man, a oposición frontal do tecido social a esta instalación», engade.

Para a socialista, «o Goberno local non pode actuar de costas á veciñanza nun asunto de tanta transcendencia ambiental e social», e pide facer fronte común neste cuestión. «Vista Alegre non é un caso illado, é un síntoma de como este Concello xestiona o territorio sen escoitar a quen o habita», indica.

«A comisión debe contar coa presenza das persoas afectadas directamente en Soandres e a contorna para que a súa voz non sexa filtrada nin distorsionada polo Goberno municipal», salienta a voceira socialista.

Reclama tamén interlocución directa coa Xunta, xa que «a Consellería de Medio Ambiente debe escoitar os argumentos técnicos e sociais dos veciños, e non só a versión oficial dun Concello que leva meses mirando para outro lado».

«O alcalde debe exercer o seu papel de representante da cidadanía e facilitar esta vía de diálogo institucional de forma inmediata», subliña Ramos López. «O malestar veciñal non agarda, e tampouco nós», conclúe.