O PSOE da Laracha reclama un pleno extraordinario para esixir a paralización da planta de biogás en Soandres

2 minutes read

O PSOE da Laracha reclama un pleno extraordinario no municipio que teña un único punto na orde do día, a paralización da planta de biogás proxectada en Soandres. Para solicitar este pleno piden apoio ao BNG, xunto ao que poderían chegar ao mínimo de sinaturas esixidas para a convocatoria.

«A planta de biogás non vai traer nada de positivo para o concello en termos xerais, nin para ningún veciño ou veciña da comarca de Bergantiños», afirma a voceira socialista local, Inés Ramos López.

A socialista amosa especial preocupación pola veciñanza de Soandres pola proximidade do proxecto ás súas casas: «Estes veciños e veciñas van perder calidade de vida e os seus bens van a perder moitísimo valor económico».

Salientou tamén o problema da previsible contaminación do río Anllóns, no que «xa en verán hai problemas de sequía, houbo que levar auga a veciños e veciñas de Soandres que quedaron sen ela e hai restricións».

Ramos falou tamén dos residuos que se van tratar nesta planta, que «son diversos e ademais proveñen de ata 80 quilómetros á redonda». «Falamos de enerxía renovable, pero á hora da verdade eses camións que van a traer os residuos van contaminar máis do que se está aforrando producindo este tipo de enerxía», engade.

«Tamén hai que ter en conta que hai unha mámoa na propia finca onde se quere instalar a planta e que hai un castro a metros aproximadamente», salienta tamén a portavoz socialista local.

«Polo tanto, esta planta non vai traer nada positivo, queremos que se paralice, os veciños, que é o fundamental tamén queren que se paralice e levan opoñéndose a ela dende que teñen coñecemento deste proxecto», subliña Ramos.

Pediu para concluír que o Concello «dea un paso adiante, non só valen palabras, necesitamos feitos, que a Xunta escoite o que ocorre na Laracha é que escoite o que queren os veciños que viven aquí».