A Agrupación Socialista de Carballo vén de trasladar ao goberno local unha serie de reivindicacións veciñais recollidas nas últimas semanas, todas elas relativas ao estado das infraestruturas viarias e á seguridade nas rúas e estradas do municipio, tanto no centro urbano como no rural.
En primeiro lugar, lembran que segue pendente o acondicionamento da Rúa Compostela, unha actuación que foi anunciada fai tempo e que, a día de hoxe, continúa sen executarse. A ampliación da ponte da Rúa do Sol foi no seu momento un impedimento, máis unha vez finalizada esa obra, os socialistas consideran imprescindible que o Concello traslade con urxencia á administración competente a necesidade de acometer esta mellora, xa que o estado actual da vía é moi deficiente.
Outra das peticións recibidas polo PSOE procede da parroquia de Entrecruces, onde a veciñanza demanda a instalación dun paso de peóns na estrada xeral, á altura do lugar de Taboada, unha medida que consideran necesaria para garantir a seguridade das persoas que transitan pola zona.
Así mesmo, solicitan que se estude a implantación de medidas de control da velocidade na Rúa Verdillo, na saída de Carballo, onde se detecta con frecuencia a circulación de vehículos a velocidades excesivas, sobre todo en horas de pouco tráfico, algo fundamental para evitar situacións de risco innecesarias.
Por último, o PSOE local tamén recolleu numerosas queixas relacionadas co estado de abandono e a presenza de maleza en moitas vías públicas, particularmente nas zonas rurais. Por iso, piden que se planifique e execute unha actuación urxente de limpeza e mantemento para garantir unhas condicións dignas de uso e seguridade.
Desde a Agrupación Socialista de Carballo agradecen a implicación da veciñanza, que con responsabilidade e espírito construtivo lles traslada as súas inquedanzas, e confían en que estas demandas sexan atendidas con dilixencia polos organismos responsables.