O PSOE de Corcubión discrepa co proxecto de recuperación do espazo público e mellora da seguridade do goberno local

2 minutes read

O Grupo Municipal Socialista de Corcubión pon de manifesto o seu rexeitamento ao “Proxecto de recuperación do espazo público e mellora da seguridade” tal e como se expuxo dende o goberno municipal.
Este goberno está a empezar a casa polo tellado, din os socialistas, «creando máis problemas que solucións. Na vila de Corcubión, que durante casi todo o ano non ten grandes problemas de circulación, no verán coa chegada masiva de turistas si se están a crear problemas de aparcamento e mobilidade. Ante esta situación, dende o goberno avogan por limitar a circulación e o estacionamento a partir das tres da tarde, só para os que veñen de fóra, en varias das rúas do centro da vila.
Con esta medida sigue habendo coches polas rúas do casco histórico e non se arranxan os problemas de aparcamento».


Dende o noso grupo, proseguen, «somos críticos con esta situación, pois o que se debería primeiro é dar unha solución ao estacionamento buscando novas prazas de aparcamento en zonas próximas ao centro, non só no extremo norte da vila, como expuxeron, e posteriormente buscar os recursos necesarios para facer unha importante obra na praza de Castelao. Humanizala, poñendo catro maceteiros coma o ano pasado, parécenos unha chapuza.
O pasado xoves asistimos, segue o PSOE, á presentación deste proxecto, sendo o único grupo da oposición presente, no que a veciñanza e, sobre todo, os negocios mostraron a súa contra a este proxecto, xa que moitos teñen un horario comercial máis aló das tres da tarde e unha alta clientela de fóra da vila, o que implicaría que estes clientes e outros potenciais non mercasen en Corcubión.
Nesa mesma reunión os socialistas expresamos a nosa opinión, indicando ademais que todo isto non se pode facer sen previamente facer unha nova ordenanza que o regule. A actual permite peonalizar zonas de maneira transitoria, pero en ningún caso fala de zonas para residentes, de cámaras que poidan multar e demais. En resume pedimos sentidiño, traballando para conseguir terreos e recursos para crear novas prazas de aparcamento no centro, e así poder para facer unha obra importante que humanice a praza de Castelao», conclúen os socialistas.