O punto de libros libres de Quintáns (Muxía) acolle esta semana 25 exemplares de obras escritas por mulleres

4 minutes read
  • Co gallo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o punto de libros libres de Quintáns (Muxía) acolle esta semana 25 exemplares de obras escritas por mulleres. Calquera persoa pode levar un libro: abonda con anotar o seu nome e o título no impreso que atopará no propio recuncho.

A temática dos libros é moi variada, mais en todos eles aparecen situacións de violencia, discriminación ou desigualdade que afectan as mulleres. A selección percorre distintas xeografías e épocas, desde a antigüidade ata a actualidade. Hai lugar para o mito artúrico revisado en Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, e para a Galicia rural e a posguerra franquista na obra de Iria Morgade Quén escribirá a miña historia. Tamén se pode viaxar á Francia ocupada polos nazis, á Romanía de Ceaușescu, á Arxentina da ditadura, a Chernóbil, a Afganistán ou a Gaza.

A variedade alcanza tamén os xéneros. No ensaio figuran clásicos como Unha habitación propia, de Virginia Woolf, xunto a Solas, de Carmen Alborch, e El acoso moral, de Marie-France Hirigoyen. A novela está representada por autoras como Almudena Grandes, Leïla Slimani, María Reimóndez, Marilar Aleixandre ou Irène Némirovsky, con Suite francesa en edición galega. Os relatos periodísticos chegan da man da premio Nobel Svetlana Aleksiévich con Voces de Chernóbil e Los muchachos de zinc, de Leila Guerriero con La llamada e da Asociación de Mujeres Juezas de España con Hijas del miedo. A poesía está presente en Nakba, de Patricia Torrado Queiruga, e en Incesante vagalume, de Ana María Fernández.

Das 25 obras, dez foron escritas orixinalmente en galego e sete en castelán. O resto proceden do francés, do ruso e do inglés.

Con esta iniciativa as veciñas fan unha posta en común para que estas obras de indubidábel valor literario poidan chegar a máis persoas. Para levar un exemplar non fai falta ningunha inscrición previa. Abonda con anotar o nome da persoa que o leva e o título do libro no impreso dispoñible no recuncho dos libros libres de Quintáns.

Relación de obras

Vinte e cinco obras escritas por mulleres. O ano indica a primeira edición da obra na súa lingua orixinal.

NºAutoraTítuloXénero e descriciónAnoLingua orixinal
1Almudena GrandesLos besos en el panNovela. Veciños dun barrio de Madrid afrontan a crise económica de 2008 coa solidariedade como resposta.2015Castelán
2Leïla SlimaniAdèleNovela. Unha xornalista parisiense, casada e nai, leva unha vida dobre marcada pola adicción ao sexo.2014Francés
3Carmen AlborchSolasEnsaio. Retrato das mulleres que viven soas, contra os estereotipos e en defensa da súa autonomía.1999Castelán
4Ángeles CasoLas olvidadasEnsaio. Historia das mulleres artistas e creadoras que a historia da arte deixou no esquecemento.2005Castelán
5Marie-France HirigoyenEl acoso moralEnsaio. Unha psiquiatra explica o maltrato psicolóxico na parella, na familia e no traballo, e como detectalo.1998Francés
6Svetlana AleksiévichVoces de ChernóbilCrónica testemuñal. Voces de vítimas e testemuñas da catástrofe nuclear de 1986.1997Ruso
7Svetlana AleksiévichLos muchachos de zincCrónica testemuñal. Soldados, enfermeiras e nais relatan a guerra soviética en Afganistán (1979–1989).1991Ruso
8Ana María FernándezIncesante vagalumePoesía. Poemario de imaxes oníricas: unha voz que deixa unha illa e esperta nun mundo mudado.2021Galego
9María ReimóndezMultitudesNovela. Continuación polifónica de Cobiza: tras a distopía, a procura de alternativas e esperanza.2023Galego
10Almudena GrandesLa madre de FrankensteinNovela. No manicomio de Ciempozuelos (1954), un psiquiatra coñece a Aurora Rodríguez, que matou a súa filla Hildegart.2020Castelán
11María ReimóndezO club da calcetaNovela. Seis mulleres moi diferentes coinciden nun curso de calceta e as súas vidas dan un xiro.2006Galego
12Begoña CaamañoMorgana en EsmelleNovela. Relectura feminista do mito artúrico, contado desde Morgana e as mulleres do ciclo.2012Galego
13Iria MorgadeQuen escribirá a miña historia?Novela. Alba intenta descifrar unha frase deixada por presos dun campo de concentración franquista.2023Galego
14Patricia Torrado QueirugaNakbaPoesía. Vinte e catro poemas de denuncia da destrución de Gaza e do pobo palestino.2026Galego
15Marina MayoralQuerida amigaRelatos epistolares. Historias en forma de carta con narradores e narradoras moi diversos.2001Castelán
16Lola LafonLa comunista que no sonreía nuncaNovela. A vida da ximnasta Nadia Comăneci na Romanía de Ceaușescu, entre realidade e ficción.2014Francés
17Belén López CilleroPor que ninguén falou delas?Ensaio histórico. A represión de mulleres obreiras polo Patronato de Protección á Muller (1941–1985).2026*Galego
18Adela Figueroa PanisseAs mulheres da Casa da Bouça da roupa estendidaNovela. Historia de crueldade e horror no Incio, pero tamén de amor e esperanza.2021Galego (norma reintegra­cionista)
19Vanessa SpringoraEl consentimientoRelato autobiográfico. A autora denuncia o abuso que sufriu aos 14 anos por parte dun escritor de 50.2020Francés
20María ReimóndezAs estacións do loboNovela. Clara, perdida en Múnic por amor, reconstrúe a súa vida da domesticación á liberdade.2019Galego
21Virginia WoolfUna habitación propiaEnsaio. Unha muller necesita diñeiro e un cuarto propio para poder escribir.1929Inglés
22Asociación de Mujeres Juezas de EspañaHijas del miedoRelatos testemuñais. Xuízas recollen casos reais de mulleres vítimas de violencia de xénero.2024Castelán
23Leila GuerrieroLa llamadaCrónica. Silvia Labayru, secuestrada e torturada na ESMA durante a ditadura arxentina.2024Castelán
24Marilar AleixandreTeoría do caosNovela. Un alcalde e o seu fillo ecoloxista enfróntanse por un vertedoiro na Costa da Morte.2001Galego
25Irène NémirovskySuite francesaNovela. A fuxida de París e a ocupación alemá de Francia en 1940, escrita mentres sucedía; edición traducida ao galego.2004Francés

* Ano sen confirmar (as presentacións do libro son de 2026).