Vimianzo, referente na innovación do sector lácteo

2 minutes read

A explotación SAT Os Loureiros, na parroquia de Salto, acolleu unha xornada profesional e demostración de nova tecnoloxía de muxido, organizada por GEA Dairy Center, na que participou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez.

No encontro estiveron tamén presentes a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; o tenente de alcaldesa, Víctor Muiño; e a concelleira Beatriz Pazos natural da parroquia de Salto, onde está situada a explotación.

A xornada permitiu coñecer de primeira man os avances tecnolóxicos aplicados ao sector gandeiro e puxo sobre a mesa cuestións fundamentais como a modernización das explotacións, a súa competitividade e a necesidade de garantir prezos xustos para o leite.

Desde o Concello de Vimianzo queren poñer en valor o traballo das explotacións gandeiras do municipio e das persoas que, día a día, sosteñen o sector primario e contribúen a construír futuro no rural.

A conselleira do Medio Rural reafirmou a postura de Galicia a prol dunha PAC forte e ben dotada para garantir a sustentabilidade do sector primario, así o trasladou tamén a semana pasada ante o Comité Europeo das Rexións en Bruxelas. Neste sentido, volveu reiterar a necesidade de blindar os fondos para o desenvolvemento rural, lembrando que a PAC non é só unha política de apoio á produción, senón tamén de cohesión territorial.

Gómez reclamou ao Goberno de España unha maior implicación nas negociacións co obxectivo de que se valore o peso da gandaría galega e a singularidade do noso territorio. Neste senso, Galicia vén reclamando que a PAC se adapte ás necesidades e particularidades dos distintos territorios e sistemas produtivos.

Tamén reivindicou o papel do coñecemento para o futuro do sector, polo que se brindan ciclos de formación profesional de gandaría desde os diferentes centros de formación e experimentación agraria dependentes da Consellería. Nese sentido, asegurou que hai xente nova con ganas de formarse e de quedar no sector, o que é a mellor garantía para o seu futuro.