O Club Salvamento Acuático Laracha – SAL continúa consolidándose entre os referentes do salvamento deportivo nacional tras a súa participación no Campionato de España Open de Salvamento e Socorrismo de Praia, celebrado en Noja (Cantabria), unha cita que reuniu aos mellores especialistas de España e na que o club larachés volveu demostrar o alto nivel dos seus deportistas.
A expedición, dirixida polo director técnico Borja Diez, estivo integrada por Iria Barreiro, Juan Martín Rodríguez Lafuente, Miguel Salorio, Pedro Caamaño, Shaila Rodríguez e Sofía Mata, que representaron con orgullo ao club e á Federación Galega de Salvamento e Socorrismo durante tres intensas xornadas de competición.
O traballo realizado viuse recompensado coa conquista de tres medallas de bronce, confirmando a capacidade competitiva do SAL nun campionato do máximo nivel.
As mdallas chegaron da man de:
Iria Barreiro, en Sprint Praia.
Miguel Salorio, en Carreira con Ski.
Pedro Caamaño, en Bandeiras.
Ademais dos podios, os deportistas do SAL acadaron importantes clasificacións entre os mellores especialistas do panorama nacional:
Iria Barreiro: 4ª en Bandeiras, 5ª en Táboa e 6ª en Ocean.
Sofía Mata: 5ª clasificada en Táboa.
Shaila Rodríguez: 6ª en Bandeiras e 10ª en Ski.
Máis aló dos resultados, desde o club destacan o enorme valor que supón competir nun Campionato de España. Cada participación representa unha oportunidade para adquirir experiencia, medirse cos mellores deportistas do país e continuar evolucionando tanto no plano deportivo como persoal.
Pero o verán competitivo do Club Salvamento Acuático Laracha – SAL está lonxe de rematar. Este mesmo fin de semana, do 24 ao 26 de xullo, partirá cara a Laredo (Cantabria) a expedición das categorías infantil e cadete para disputar o XXXVIII Campionato de España Infantil e Cadete de Praia, unha das competicións máis importantes do calendario nacional de base, que reunirá a preto dun milleiro de participantes durante tres días de intensa actividade deportiva. A competición poderá seguirse en directo, permitindo que familias, afeccionados e seguidores acompañen aos deportistas do SAL desde calquera lugar.
Unha vez rematada esta cita, as categorías xuvenil, júnior e absoluta porán toda a súa atención no seguinte gran obxectivo da tempada: os Campionatos de España de Verán de Praia, que se celebrarán na Praia de Razo (Carballo) durante o mes de setembro. O XXXVIII Campionato de España Xuvenil e Júnior disputarase do 1 ao 3 de setembro, mentres que o XXXVIII Campionato de España Absoluto terá lugar do 4 ao 6 de setembro, convertendo a comarca da Costa da Morte no epicentro do salvamento deportivo nacional.
Para afrontar estes compromisos nas mellores condicións posibles, o equipo desenvolverá durante todo o mes de agosto unha intensa planificación de adestramentos. Será un mes de traballo continuo, sen descanso, no que cada sesión estará enfocada a seguir mellorando o rendemento deportivo e chegar en plenitude á gran cita nacional de Razo.
O crecemento deportivo do SAL continúa tamén fóra da competición. De cara a esta nova etapa de preparación para este campionato, o club reforza o seu equipo técnico coa incorporación dunha nova técnica experta en Salvamento e Socorrismo e Tríatlon, que desenvolverá o seu labor en estreita coordinación co director técnico, Borja Diez. Esta colaboración permitirá potenciar o rendemento dos deportistas, ampliar os recursos metodolóxicos do club e seguir apostando por unha formación cada vez máis especializada e de calidade. Con esta incorporación, o SAL continúa fortalecendo a súa estrutura deportiva e reafirma o seu compromiso coa excelencia, a innovación e a mellora continua en beneficio de todos os seus deportistas.
O Club Salvamento Acuático Laracha – SAL quere expresar tamén o seu agradecemento á Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo polo excelente seguimento en directo realizado durante o Campionato de España Open de Noja, permitindo que familias, compañeiros e afeccionados puidesen vivir cada proba desde a casa.
Así mesmo, o club agradece o apoio da Deputación da Coruña, imprescindible para afrontar os desprazamentos aos Campionatos de España, facendo extensivo este recoñecemento ao resto de institucións colaboradoras como o Concello da Laracha, patrocinadores, socios, colaboradores e amigos do club, cuxa confianza fai posible que o SAL continúe medrando ano tras ano.
Con Noja xa no recordo, Laredo a piques de comezar e Razo como gran obxectivo de setembro, o Club Salvamento Acuático Laracha – SAL vive un dos momentos máis ilusionantes da súa historia recente. O traballo diario, a aposta pola formación, o reforzo da estrutura técnica e a confianza nun proxecto deportivo sólido permiten ao club seguir levando o nome da Laracha e de Galicia ás principais competicións nacionais, demostrando que o esforzo, a constancia e o traballo en equipo continúan sendo o mellor camiño cara ao éxito.