O socialismo de Lugo estrea nova executiva, con 22 caras novas, e á fronte, José Tomé

1 minutes read

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou este sábado no acto de clausura do Congreso Provincial dos e das socialistas en Lugo cunha mensaxe centrada na necesidade de reforzar a presenza do partido nos concellos: “Precisamos máis forza municipalista para seguir protexendo a provincia, como xa facemos desde os gobernos locais e desde a Deputación. Porque non debemos esquecer que esta provincia é un bastión do PSdeG”.

Durante a súa intervención, o líder socialista felicitou a José Tomé e á nova executiva provincial “polo respaldo da militancia e por liderar unha nova etapa cun proxecto serio, conectado coa xente e comprometido co futuro de Lugo”.

Destacou que o PSdeG é o partido con maior implantación local en Galicia, con máis de cen alcaldías, moitas delas na provincia de Lugo. “Neses concellos a xente sabe que pode confiar porque gobernamos para a maioría social, sen deixar a ninguén atrás”, subliñou.

Por iso, avanzou que os obxectivos do partido pasan por “seguir medrando en apoios, consolidar novas maiorías progresistas nos concellos e revalidar a Deputación de Lugo como peza clave para garantir servizos públicos, cohesión territorial e oportunidades para o rural”.