Desde os populares de Carballo veñen de lanzar a segunda das propostas concretas do seu programa. Tras a referida aos temas da mobilidade e da organización do tráfico rodado, o candidato Rubén Lorenzo presenta a vivenda como asunto vital para o desenvolvemento da vila carballesa, tendo como obxectivo prioritario e fundamental o de incrementar o parque de vivenda dispoñible.
Antes de expoñer a solución que a xuízo dos populares melloraría a política municipal en materia de vivenda, denuncian a inexistente implicación do goberno local nesta materia e confirman a casi imposibilidade de atopar unha vivenda en venda ou aluguer en Carballo.
A primeira actuación concreta consiste na creación dun servizo aberto á veciñanza para informar de todo o que teña que ver con axudas públicas para o acceso á vivenda digna, denominando a dito servizo Oficina REVIVE Carballo.
Así mesmo, propoñen establecer unha liña de axudas municipais para que os edificios melloren en accesibilidade, evitando as barreiras arquitectónicas e para que os inmobles, cumprindo a normativa, se adapten ás necesidades do século XXI.
Lembramos que baixo o lema “Un novo Carballo é posible” os populares presentaron a sua candidatura o pasado sábado, día 22, remarcando que o seu proxecto é a única alternativa ao goberno de Evencio Ferrero.