Os bares de Carballo acollerán a terceira edición do festival de divulgación científica Pint of Science

1 minutes read

Carballo prepárase para demostrar, un ano máis, que a ciencia non só se fai en bata branca e laboratorios pechados, senón tamén entre cafés e cañas. O alcalde, Daniel Pérez; os cinco membros do equipo organizador e o cartel de investigadores e investigadoras tamén ao completa, presentaron este domingo na Tasca Loirasa de Sofán a terceira edición do festival internacional Pint of Science, que terá lugar do 18 ao 20 de maio.

“É fundamental sacar o coñecemento das universidades e levalo onde está a xente: nos bares e nas prazas. Especialmente nun contexto de desinformación, democratizar a ciencia é máis necesario que nunca”, apuntou o rexedor carballés. Baixo o lema de que “Carballo é unha fonte inesgotable de talento”, o concelleiro de Innovación, Iván Andrade, subliñou que esta edición aposta decididamente polo local, non só polos relatores, senón pola implicación da Escola de Hostalaría, de empresas como Bodegas Carballo e de entidades como Axober e a Fundación Luis Calvo Sanz.

O programa arrinca o luns 18 no Bar Marabú co químico David Castro e a historiadora Désirée Domínguez, quen reivindicou o papel das humanidades na era dixital. O martes 19, no Pazo da Cultura, será a quenda do pediatra Álex Ávila e a biotecnóloga Alba Vilariño. O peche será o mércores 20 no Bar Mercado, coa experta en ciberseguridade Olalla Rama e a logopeda Isabel García. Podedes escoitar as súas intervencións no vídeo.

Esta edición marca ademais o inicio do proxecto europeo Talento Quilómetro Cero (TALK0), que conta cun orzamento de 350.000 euros para fomentar a divulgación científica no municipio durante os próximos dous anos. Como broche de ouro, Carballo acollerá do 29 ao 31 de maio o Encontro Pintero, unha reunión nacional de organizadores deste festival en toda España.