Os videoxogos experimentan un notable auxe coa pandemia


A industria dos videoxogos non deixa de evolucionar, e co paso do tempo, o número de novos xogadores aumenta de maneira notable. O sector acolleu a 500 millóns de novos afeccionados no últimos tres anos e, agora, o valor da industria mundial dos videoxogos supera os 250.000 millóns de euros, segundo un novo informe da compañía Accenture.

Pódese dicir, sen ningunha dúbida, que o mercado experimenta un auxe notable. Durante o último ano e medio, co confinamento provocado pola pandemia de COVID-19, a xente tivo máis tempo libre e pasou máis tempo na casa. De feito, houbo un gran aumento de consumo de videoxogos entre febreiro e abril de 2020, durante os primeiros meses de confinamento.

Ademais do crecemento do consumo de videoxogos, mediante os teléfonos intelixentes, tamén se produciu un aumento de novos xogadores debido aos últimos avances tecnolóxicos, como a realidade virtual, que ofrece fantásticas experiencias. Non se trata soamente de persoas que se atopan na súa casa, cos seus dispositivos, as que impulsan o crecemento da industria, senón tamén, a actividade empresarial dos videoxogos, os deportes electrónicos, os chamados xogos na ‘nube’ e as competicións ‘en liña’.

Ted Pollak, analista de videoxogos, afirma que a popularidade do sector seguirá aumentando. «Vaticinamos que probablemente existirá un período de quince anos de crecemento natural, o que eu chamo crecemento libre». E é moi probable que esta tendencia vaia a continuar. «Estamos a falar de centos de millóns de novos clientes no próximos dez anos», sinala Pollak.