Outes avanza cun gran acordo de custodia fluvial para o río Tins

Logo de tres anos de andadura do proxecto ReNatur_Outes, as entidades promotoras e a veciñanza de Outes séntanse para mirar atrás, rever os logros desta iniciativa para a recuperación ambiental do río Tins ao seu paso polo núcleo urbano, e trazar unha folla de ruta para continuar avanzando na conservación, restauración e posta en valor do río Tins e a súa conca fluvial.

A xornada terá lugar o venres 30 de xaneiro, comezando ás 16:00 na Casa da Cultura da Serra de Outes. Logo dun café de benvida, farase unha visita á zona de ribeira, onde se inaugurará o “bosque comestible” e varios paneis interpretativos que explican a importancia do río e os resultados do proxecto nestes últimos anos. Precisamente o bosque comestible, unha plantación de variedades locais de fronteiras, foi unha proposta da veciñanza expresada nas sesións de gobernanza cidadá.

A partir das 17:30, xa de volta na Casa da Cultura, terá lugar a última sesión de gobernanza do proxecto, que finaliza a finais de marzo. Nunha primeira parte as distintas entidades do proxecto (Concello de Outes, universidades da Coruña, Santiago e Vigo, Fundación CEER e Fundación Montescola) ofrecerán unha panorámica dos logros dos tres últimos anos. A seguir, convidarase a todas as presentes a trazar unha folla de ruta para os próximos 5 anos e a definir un marco de cooperación para a súa posta en práctica.

Acordo de custodia fluvial

A sesión pretende consensuar un grande acordo de custodia fluvial para o río Tins que, partindo da Declaración de dereitos do río Tins e os compromisos da súa comunidade ribeirá aprobada por unanimidade en febreiro de 2024, permita continuar no tempo coas accións de restauración e xestión do espazo fluvial e da súa contorna.

O acordo será o primeiro das súas características na comarca, establecendo ademais un Consello Fluvial do río Tins, do que non só farían parte as 6 entidades asinantes mais que estará tamén aberto á participación da cidadanía e tecido asociativo de Outes. O acordo pretende definir as responsabilidade de cada entidade e os xeitos nos que se implicará á veciñanza na consecución dos obxetivos ata 2031.

Inscrición gratuita e aberta

A participación no evento é aberta a todo o público mais solicítase inscrición previa, pois ao final da sesión ofreceranse uns petiscos de despedida. Pódese confirmar presenza enviando un email a info@montescola.org ou presencialmente na Casa do Concello de Outes.

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Related posts

A Policía Nacional detivo en Arteixo a un pederasta por abusos e agresións sexuais a unha nena de 10 anos

Unha avaría deixou este xoves sen luz a case 3.000 persoas en Santiago

A Deputación da Coruña colaborará na construción dun centro integral de rehabilitación de dano cerebral en Eirís