O pasado 28 de xaneiro Carballo dicía adeus a Pedro Luis Fernández Pombo tras falecer nas piscina Carballo Calero. Avogado de profesión, dedicou moitas horas do seu tempo a dinamizar o sector cultural e social do municipio, colaborando con varias entidades e asociacións como Vieiro, cuxo vicepresidente, Xosé María Arán, lle dedica unhas sentidas palabras polo seu cumpreanos.
«Hoxe é o aniversario do meu compadre Pedro Luís Fernández Pombo e, como todos os anos desde que nos coñecemos, toca facer unha paradiña para fecilitalo.
Cúmprense 55 anos da túa chegada a este mundo, unha nova que sen dúbida encheu de ledicia a túa casa; podo imaxinar as caras de amor dos teus pais Pedro e Visita, da túa queridísima madriña Estrella e, mesmo podo intuír a ilusión da túa irmá Estrella, se ela tivera chegado antes ca ti.
Levo días dándolle voltas a todo o que vivimos xuntos, a soas, para deixar que as bágoas axuden a desafogar e comprender o que o meu corazón e a miña mente se negan a aceptar.
Négome a falar de ti en pasado, porque para min sempre serás presente. Formas parte da miña familia, como ben saben os que ben me coñecen. Eu teño dous irmáns: Luis, presente no libro de familia, a familia que me tocou, e ti, Pedro, presente no libro do corazón, no da familia que eu escollin.
Levo uns días enfadado, bueno ti xa sabes… Non te vexo, non me chamas… Isto vese compensado porque leo na prensa, en redes e escoito que falan moito e moi ben de ti. Non me extraña, como falar doutro xeito dun bó e xeneroso?
Non é a miña intención hoxe recordarlle a ninguén, as túas aportacións culturais, sociais, musicais, políticas,… entre outras cousas porque sería, sen dúbida, unha ardua tarefa.
Hoxe, e todos os anos que nos queden, porque mentras eu viva ti vivirás en min, só quero adicar esta felicitación ó meu amigo, ó meu compadre, ó meu irmán, para desexar que teñas un bo día, permíteme extender a felicitación ó resto da familia, en especial a túa dona Marité e o teu fillo Pedro.
Recibe tamén unha aperta da túa familia de corazón, a miña, en especial da túa afillada Andrea, que garda como un tesouro as últimas verbas que mantivo contigo. Míroa e vexo tamén, que sempre vivirás para ela.
Bueno Pedriño, non me enrollo máis, que contigo é doado comezar pero nunca sabe un como e cando rematar. Seguiremos en contacto coma sempre, buscareite onde sei que ti estás, onde estiveches e estarás para sempre.
Por moitos anos máis, lembra que coma sempre, o venres falamos. Saúdos.
Xosé María Arán Rodríguez (Compadre de Pedro Luis)».