‘Pensar Laxe’, iniciativa do BNG local para reflexionar sobre o presente e o futuro do concello

1 minutes read

O BNG de Laxe presenta Pensar Laxe, un novo ciclo de conferencias e actividades divulgativas aberto á veciñanza que nace coa vontade de crear un espazo estable de reflexión, debate e divulgación sobre os principais retos que afectan ao concello.

Esta iniciativa, que terá carácter anual e periodicidade mensual, pretende abordar cuestións de máxima actualidade para Laxe desde diferentes ámbitos como o medio ambiente, o turismo, o patrimonio, a economía local ou a planificación do territorio. Con Pensar Laxe, o BNG busca fomentar o diálogo e achegar coñecemento á cidadanía, abrindo un foro plural no que especialistas e persoas coñecedoras da realidade local compartan análises e propostas.

Desde o BNG sinalan que este ciclo nace tamén coa intención de suplir a ausencia de espazos de reflexión pública impulsados polo propio Concello, que debería liderar iniciativas que axuden a pensar colectivamente o futuro do municipio.

A primeira das charlas terá lugar o xoves 12 de marzo ás 19:00 horas na terraza do Hotel Mar de Laxe. Baixo o título “A Praia dos Cristais. Diagnose dunha praia que esmorece”, o relatorio correrá a cargo de Raúl Rey Cancela, graduado en Turismo e especializado en Xestión e Planificación, quen presentará o seu estudo sobre a situación actual dunha das xoias naturais máis coñecidas do noso concello.

Esta conferencia analizará a evolución e os problemas que afectan á coñecida Praia dos Cristais, un espazo singular que nos últimos anos esperta crecente interese turístico pero que tamén afronta retos relacionados coa súa conservación e xestión.

O BNG de Laxe anima á veciñanza a participar nesta primeira sesión e nas próximas que se irán celebrando ao longo do ano, co obxectivo de pensar colectivamente en Laxe e contribuír a construír un futuro máis sostible, coidado e próspero para o concello.