Trátase dun operario que estaba a traballar no servizo de recollida de lixo dese municipio lucense, na comarca da Mariña. O home perdeu a vida a pasada madrugada ao caeer do camión, segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE).
O 112 Galicia recibiu aviso do sinistro ás 05:30 horas da madrugada deste martes. Cando se produciu o accidente, a vítima estaba a traballar na Rúa da Igrexa, en Ourol.
Por causas que se descoñecen, caeu da parte traseira do camión no que era o seu primeiro día de traballo. O operario falecido tiña 48 anos e era veciño da parroquia de Bravos. O suceso causou unha fonda conmoción en todo este concello lugués.
Tras recibir o aviso, ata o lugar do sinistro trasladouse un equipo sanitario de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Con todo, os sanitarios non puideron facer nada por salvar a vida do operario, que quedara inconsciente ao caer do camión de recollida de lixo. Para apoiar o equipo médico, o 112 Galicia mobilizou a Garda Civil e a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Ourol.
A Garda Civil investiga agora as circunstancias do sinistro.