En Ponteceso, centos de veciños e veciñas maiores de 65 anos participan, este sábado, na I Festa do Maior organizada polo Concello. Trátase dunha iniciativa coa que se busca «recoñecer ás persoas máis maiores, promovendo un espazo para o encontro e a convivencia veciñal», tal e como explicou o alcalde, José Manuel Mato. A cita incluíu varias actuacións musicais e un xantar popular a base de empanada, polbo, carne ao caldeiro e sobremesa. Así mesmo, o Concello realizaba unha homenaxe á muller e ao home de maior idade e un sorteo de agasallos.

En Malpica, Seaia encheuse de vida, de risas e de boas conversas con máis de 200 persoas que se xuntaron para celebrar a IV Xuntanza de Maiores. Un deses días que xa forman parte do calendario e que sempre deixan ganas de repetir. A mañá comezou coa visita de Roberto Barba Alvedro, director xeral contra a violencia de xénero da Xunta de Galicia, que quixo acompañalos un ano máis, e xa van tres, e agradecer o convite. Á súa chegada, foi recibido polo alcalde xunto a varios membros da corporación municipal. Despois dunha boa comida, a festa seguía cun pouco de música e baile da man do Trío Rosel, que poñía a todo o mundo a bailar. O alcalde, Eduardo Parga, deu as grazas a todos os asistentes por estar aí e animounos a seguir participando nestes encontros, que ao final son para iso, para xuntarse, falar, rir e pasar un bo anaco en boa compaña.