O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, vén de anunciar un acordo histórico para Corme tras pactar con Portos de Galicia a humanización da vía de acceso ao Porto cun investimento de case 800.000 euros. «Trátase da actuación máis importante do mandato en Corme, un proxecto no que levamos moitos anos traballando e que por fin se fai realidade», aseverou Mato.
O Consello da Xunta, celebrado este luns, autorizou o convenio de colaboración entre Portos de Galicia e o Concello de Ponteceso sobre a humanización da vía pública de acceso ao porto de Corme, que permitirá mobilizar un investimento total de 787.000 euros, no que o ente público achegará 726.000 euros e a administración local contribuirá con 61.000 euros.
Mato lembrou que este convenio constitúe un paso histórico para Corme xa que non só permitirá mellorar a accesibilidade a instalación portuaria senón que «abrirá Corme ao mar, con todo o que iso significa», destacou.
As obras serán licitadas e executadas polo Concello de Ponteceso e teñen como obxectivo mellorar unha infraestrutura fundamental para as persoas usuarias do porto e para o conxunto da veciñanza. «Estes días asinaremos o convenio para proceder posteriormente a licitación das obras de humanización», apuntou Mato.
PROXECTO
Trátase dun gran proxecto de humanización que permitirá a redución da velocidade dos vehículos e, polo tanto, a mellora da seguridade viaria no centro de Corme. Ademais, significará un cambio completo na imaxe da fachada marítima que poñerá en valor o patrimonio arquitectónico e portuario do Concello. A actuación centrarase na rúa do Crego, de acceso á fachada marítima, na avenida da Mariña e na praza Ribeira, que cambiarán por completo a súa imaxe.
O proxecto contempla a creación dunha plataforma única, a renovación do pavimento, a ampliación e mellora das redes de servizos, a instalación de mobiliario urbano, o axardinamento e a mellora da iluminación pública. Ademais, habilitaranse miradoiros protexidos con varandas para favorecer o desfrute das vistas ao mar.
Unha das principais actuacións será a demolición parcial do muro de peche da vía e das beirarrúas, o que permitirá unificar o nivel do pavimento, abrir as vistas á fachada marítima e mellorar a conexión entre o porto e o núcleo urbano.
Unha vez rematados os traballos, a vía integrarase na zona de servizo portuaria, ao tratarse do único acceso ao porto de Corme. O Concello de Ponteceso asumirá o mantemento dos elementos non portuarios, como o mobiliario urbano e os servizos xerais, así como as posibles melloras futuras.
O alcalde agradeceu á Conselleira do Mar, Marta Villaverde, ao seu antecesor no cargo, Alfonso Villares, á presidenta de Portos de Galicia es Natalia Botana Rey, e ao director de Portos de Galicia, Juan Sanmartín, que se implicaron neste ambicioso proxecto no que o goberno local leva anos traballando.
