Ponteceso promoverá a conciliación durante o verán co seu programa Respira

1 minutes read

A iniciativa promovida polo Concello, dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 16 anos, desenvolverase entre os meses de xullo e agosto en catro parroquias. En total, ofreceranse 95 prazas distribuídas do seguinte xeito: 30 na Campara (local social), 15 en Corme (pavillón municipal), 20 en Pazos (local social) e 30 en Ponteceso (edificio das Escolas).

O programa funcionará de luns a venres (agás nos festivos) e en horario de 9.30 a 13.30 horas. As prazas adxudicaranse, por rigorosa orde de inscrición e ata completar a cota máxima, a aqueles rapaces e rapazas que cumpran os requisitos de idade e de empadroamento. En caso de quedar prazas vacantes, poderán anotarse tamén nenos e nenas non empadroados.

A documentación (bases da convocatoria e solicitude de inscrición) están dispoñibles na páxina web municipal. O prazo de solicitude estará aberto desde o luns, 2 de xuño, ata o martes, día 13 (ambos incluídos). As persoas interesadas poderán anotarse de xeito presencial na oficina da educadora familiar ou a través da sede electrónica do Concello. As persoas que precisen máis información poderán chamar ao teléfono 881 983 223.