Este sábado tívose coñecemento a través do 112 SOS Galicia dun incendio forestal no lugar do Couto, Parroquia de Cospindo, no termo de Ponteceso, afectando á estrada que dá acceso á Praia de Valares. Debido á cantidade de fume, e tras ser autorizado por axentes medioambientais, procedeuse ao desaloxo dos bañistas da praia, sendo estes evacuados nos seus vehículos por unha pista que une a praia de Balares co lugar de Corme (Ponteceso), quedando 14 vehículos estacionados no aparcamento da praia, atopándose nunha zona fóra de perigo, á espera da evolución dos labores de extinción do incendio. Segundo axentes forestais a orixe do incendio forestal podería deberse a un cable de alta tensión que se atopaba na zona, que puido crear un arco de lume e unha pequena explosión..
A Consellería do Medio Rural informaba da situación destos incendios forestais con datos recollidos ata as 08.30 horas deste martes
Extinguido Ponteceso-Cospindo
Está extinguido desde as 23.17 horas deste luns o incendio do concello de Ponteceso, parroquia de Cospindo, que finalmente afectou unha superficie de 245,38 hectáreas, das cales 215,38 corresponden a monte arborado e 30 a raso. O lume iniciouse ás 16.12 horas do pasado sábado e mobilizáronse para a súa extinción 2 técnicos, 14 axentes, 15 brigadas, 12 motobombas, 3 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 1 avión.
Estabilizado Ponteceso-Brantuas
Desde as 23.32 do domingo permanece estabilizado outro incendio neste mesmo concello, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 170 hectáreas. O lume comezou ás 20.30 horas do pasado sábado e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 5 técnicos, 22 axentes, 20 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 11 avións.
Controlado Ponteceso-A Graña
Está xa controlado desde as 20.09 deste luns o lume forestal da parroquia da Graña, tamén en Ponteceso, que segundo as últimas estimacións afectaba a unha superficie de preto de 100 hectáreas. O incendio comezou ás 00.30 horas da madrugada do domingo e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 3 técnicos, 21 axentes, 22 brigadas, 22 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio, 1 helicóptero e 8 helicópteros.