Posta en valor do papel das confrarías de pescadores nas comunidades costeiras no marco do Día da Xente do Mar

3 minutes read

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, realizou unha visita á Confraría de Pescadores de Lira onde puxo en valor o papel das confrarías de pescadores nas comunidades costeiras no marco do Día da Xente do Mar. Nesta liña, visitou ao pósito carnotán, modelo de xestión sustentable que a converte nun motor económico para a localidade cunha facturación que superou o millón de euros grazas á comercialización de más de 116 toneladas de produto, sendo as máis relevantes o polbo e o ourizo. Un exemplo de éxito sustentado na implicación dos profesionais, a boa xestión da entidade, da diversificación e dos apoios da Xunta ao sector.

A titular de Mar recordou que esta confraría foi pioneira na posta en marcha da Reserva Mariña de Miñarzos no 2007 e que foi a primeira reserva de interese pesqueiro da costa atlántica peninsular. Así, abarca unha superficie de 2.074 hectáreas dentro das cales existe dúas reservas integrais de 79 hectáreas nas que se definen medidas máis restritivas polo que só se permiten actividades con fins científicos. Unha iniciativa que supuxo unha clara aposta pola explotación sostible dos recursos limitando o acceso e regulando a actividade extractiva na zona co obxectivo de facilitar a recuperación e conservación das poboacións das especies explotadas.

Marta Villaverde resaltou a colaboración entre a Administración autonómica e o sector como clave na xestión pesqueira en Galicia no marco dun modelo de cogobernanza no que o Goberno galego colabora financiando as vixilancias das autorizacións marisqueiras, accións formativas, ou con apoios para melloras portuarias. No caso da Confraría de Lira foron un total de 250.000 euros en achegas autonómicas entre o 2024-2025 que serviron para afondar na dixitalización da entidade, a adquisición dunha carretilla elevadora, un produtor de xeo e auga salgada ou para o acondicionamento do banco marisqueiro de A Berberecheira, entre outros.

Valorización do produto

A conselleira do Mar tamén sinalou que o pósito é un referente na valorización dos produtos do mar a través da certificación PescadeRías, de onde se non? e coa marca colectiva Polbodelonxa na que tamén participan as confrarías de Fisterra, Corcubión, Muros, O Pindo e Portos do Son. Unha liña de traballo que pon en valor o bo facer da pesca artesanal como unha actividade extractiva sostible así como as excelentes calidades destes alimentos mariños. Unha actuación que é complementada coa Festas Gastronómicas da Reserva Os Miñarzos, que conta co patrocinio da Xunta, no que pódese degustar polbo, mexillóns, percebes, berberechos, navallas ou nécoras.

A entidade tamén fixo unha aposta por ampliar a súa actividade á transformación e comercialización dos seus propios produtos. Neste contexto, no 2022 realizou un proxecto de mellora do proceso produtivo ao amparo dunha axuda autonómica de 273.000 euros. A actuación supuxo a ampliación das instalación aumentando a capacidade produtiva de procesado de polbo a 10.000 quilos ao día, tamén no aforro enerxético grazas á nova maquinaria e a mellora do illamento das cámaras de conxelado e frío.

Área Nai

Villaverde quixo destacar o valor patrimonial co que conta o municipio coruñés, no que se asenta unha das Áreas Nai reflexada no Plan da Cultura Marítima de Galicia como é Quilmas. Un espazo no que destacan catro fábricas de salgaduras e as casetas dos pescadores, o que fan deste núcleo unha zona con elementos orixinais vencellados ao mar e á súa actividade.

Cómpre recordar que son 10 as zonas singulares do litoral galego que salientan por conservar as súas características orixinais, grazas ao seu coidado e a non estar sometidas a abruptos procesos de urbanización e industrialización.