Presentada a IX Carreira Pedestre Concello de Malpica que promove o deporte, a saúde e a solidariedade

2 minutes read

Este martes tivo lugar a presentación da IX Carreira Pedestre do Concello de Malpica, que se celebrará o sábado 26 de setembro, consolidándose como unha das citas deportivas de referencia da Costa da Morte. No acto participaron o alcalde, Eduardo Parga Veiga, e a concelleira de Deportes, Noelia Freijeiro Novo, quen deron a coñecer os detalles dunha proba aberta a deportistas de todas as idades e niveis.

A carreira contará cun percorrido principal de 10 quilómetros, unha proba popular de 2 quilómetros e diferentes carreiras para as categorías de base, adaptadas ás idades dos participantes. A saída realizarase na Praza Anselmo Villar Amigo e a meta estará situada no Paseo da Praia, ofrecendo un percorrido que combina deporte e algúns dos espazos máis emblemáticos da vila.

Durante a presentación, a concelleira de Deportes, Noelia Freijeiro, destacou que “a Carreira Pedestre é unha das actividades deportivas máis importantes do ano en Malpica. É unha proba pensada para toda a familia, na que poden participar desde os máis pequenos ata os corredores máis experimentados. O noso obxectivo é seguir fomentando hábitos de vida saudables e facer do deporte un espazo de encontro, convivencia e participación. Queremos que cada edición sexa mellor ca anterior e convidamos a toda a veciñanza e aos corredores doutros concellos a vivir esta gran festa do deporte connosco.”

Pola súa banda, o alcalde, Eduardo Parga Veiga, puxo en valor o impacto que a carreira ten para o municipio. “Esta proba é un exemplo da aposta do Concello polo deporte como motor de saúde, convivencia e promoción de Malpica. Cada edición atrae centos de persoas que, ademais de participar na carreira, coñecen o noso patrimonio, a nosa gastronomía e a nosa paisaxe. Ademais, este ano volvemos incorporar un importante compoñente solidario, demostrando que o deporte tamén serve para axudar aos demais.”


A carreira manterá precisamente ese carácter solidario, xa que por cada inscrición o Concello doará un euro á Asociación Española Contra o Cancro (AECC), convertendo cada participación nunha achega a unha causa social.


A organización contará cun amplo dispositivo de seguridade, asistencia sanitaria, voluntariado e coordinación técnica para garantir o correcto desenvolvemento da xornada. Ademais, todos os participantes recibirán unha camiseta conmemorativa e entregaranse medallas e trofeos aos mellores clasificados nas diferentes categorías. A proba forma parte do Calendario Oficial da Federación Galega de Atletismo.


Desde o Concello de Malpica anoman á cidadanía e aos afeccionados ao atletismo de toda Galicia a inscribirse e participar nun evento que combina deporte, solidariedade e promoción do municipio, consolidándose como unha das grandes citas do calendario deportivo local.