O Concello de Malpica presentou unha nova edición do programa cultural “Malpica nun mar de letras”, unha iniciativa que se desenvolve ao abeiro da celebración das Letras Galegas e que reúne durante os meses de abril, maio e xuño unha ampla oferta de actividades arredor da lingua e a cultura galegas.
O alcalde, Eduardo Parga, e a concelleira de Educación e Cultura, Noelia Freijeiro, informaron de que a programación inclúe propostas para todas as idades, con especial atención ao público infantil e familiar, combinando presentacións literarias, contacontos, espectáculos de animación, teatro, música e actos institucionais. O obxectivo é fomentar o uso e a valorización da lingua galega, así como achegar a creación cultural á veciñanza.
Entre as citas máis destacadas atópanse o Festival das Letras Galegas, que terá lugar o 14 de maio no Auditorio do Centro Cívico; a tradicional ofrenda floral ás Pandeireteiras de Mens, o 17 de maio; así como diversas presentacións literarias centradas na identidade e no patrimonio da Costa da Morte. O programa tamén recolle a participación activa do tecido asociativo local, con galas e actividades organizadas por distintas entidades culturais do municipio, así como iniciativas dirixidas aos centros educativos, reforzando o vínculo entre a mocidade e a cultura galega.
As actividades desenvolveranse en diferentes espazos do concello, como o Centro Cívico, a Biblioteca Pública Municipal Eduardo Blanco Amor e o Fogar do Pensionista, consolidando estes lugares como puntos de encontro cultural.
Con esta iniciativa, o Concello de Malpica reafirma o seu compromiso coa promoción da lingua galega e co acceso á cultura, convertendo o municipio nun referente de dinamización cultural na comarca.
Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a programación completa nas canles oficiais do Concello.