O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá deste mércores na presentación do ‘Gran Fondo Ézaro – Fin do Camiño’ 2025 que terá lugar o vindeiro 6 de xullo co apoio da Xunta de Galicia “nunha das mellores ramplas do ciclismo mundial que mira aos ollos a outros grandes portos como o Tourmalet, a Casse Déserte, o Stelvio, o Mortirolo, o Angliru ou a Bóla do Mundo”.
O mandatario galego destacou a excelente imaxe de Galicia no ciclismo mundial como demostran as 33 etapas galegas na Vuelta a España nos últimos dez anos entre as que destacan os finais no Ézaro de 2012, 2016 e 2020. Precisamente, a primeira vez que a fervenza do Xallas entrou no itinerario da ronda española, o gañador foi Joaquim ‘Purito’ Rodríguez, “un dos mellores ciclistas da historia que conta con podios nas tres Grandes Voltas e tamén no mundial en ruta” e que será o padriño desta edición do Ézaro. Deste xeito, o seu nome únese o de grandes mitos do ciclismo como os de Miguel Indurain, Claudio Chiapucci, Alex Zülle, Tony Rominger, Pavel Tonkov, Marino Lejarreta, Joseba Beloki, Samuel Sánchez ou Roberto Heras.
Grazas a estes embaixadores, dixo Lete Lasa, ao redor dun milleiro de afeccionados chegan cada ano ao Gran Fondo Ézaro para desafiarse ante unha “rampla diabólica con una subida sostidade 2 quilómetros ao 15% y costas do 30%” pero localizada nunha paisaxe exclusiva como é “a única fervenza de todo o continente que verte as augas dun río, o Xallas, directamente ao océano Atlántico”. Unha forma, como tantas outras que ofrece Galicia, de xuntar “natureza, turismo e deporte para o beneficio da sociedade”.