Trátase dunha oferta ampla, variada e pensada para ofrecer alternativas de lecer educativo, deportivo e cultural durante os meses de xullo e agosto especialmente a nenos e adolescentes, pero tamén con algunha proposta para persoas adultas.
O programa reforza a aposta municipal polos campamentos de verán, consolidando propostas que acadaron unha gran aceptación en edicións anteriores e incorporando novas actividades co obxectivo de seguir ampliando e mellorando a oferta dirixida ás familias do municipio. Ademais de fomentar o ocio activo e o contacto coa natureza, a programación tamén busca favorecer a conciliación familiar durante o período estival.
Así, volverán celebrarse os tradicionais Campamentos de Verán en Caión, que terá lugar en dúas quendas na primeira metade de xullo e que combinará actividades acuáticas, surf, obradoiros e xogos. Tamén haberá unha nova edición do Divercamp do 3 ao 7 de agosto con actividades de música, baile, idiomas e robótica.
Entre as novidades destacadas deste ano está o novo Campamento Multideporte, para alumnado de infantil e primaria que terá lugar do 27 ao 31 de xullo no Pavillón Municipal da Laracha e que ofrecerá disciplinas como baloncesto, fútbol, voleibol, pádel, escalada, tiro con arco e actividades recreativas. Tamén se incorpora o Campamento Pirata, dirixido aos máis pequenos de entre 4 e 6 anos e previsto entre o 29 de xuño e o 3 de xullo con xogos de exploración, música, obradoiros, xincanas e disfraces. Ambas propostas incluirán opción de Madruga desde as 8:30 horas para facilitar a conciliación persoal, laboral e familiar.
No ámbito deportivo manteranse os campus que cada verán reúnen a un alto número de participantes. O de Fútbol celebrarase do 20 ao 24 de xullo nos campos municipais da Laracha e da Porta Santa de Paiosaco para rapaces de entre 5 e 15 anos, mentres que o de Baloncesto desenvolverase do 3 ao 7 de agosto no Pavillón Municipal da Laracha para participantes de entre 6 e 15 anos.
A programación tamén incorpora novas propostas vinculadas á tecnoloxía e á innovación. Unha delas será o Obradoiro de construción dun kart para nenos de 9 a 11 anos, que se realizará en xullo en dúas quendas, a primeira os días 15 e 16 e, a segunda, os días 29 e 30, permitindo aos participantes traballar con kits profesionais de enxeñaría aplicada e probar os vehículos nun circuíto adaptado. Outra novidade, neste caso dirixida a maiores de 12 anos e adultos, inclúese a actividade de Realidade Virtual e Simulador F1 prevista para o 28 de xullo.
Entre as novas propostas dirixidas á mocidade (13 a 18 anos) destaca tamén Pena Aventura Park, unha experiencia multiaventura de dous días en Portugal, con estancia incluída, que se desenvolverá o 13 e 14 de xullo.
As actividades de aventura e natureza seguirán tendo unha presenza destacada dentro da programación municipal. Repetiranse propostas moi demandadas como a ruta a cabalo do 17 de xullo, a ruta en kaiak no Ézaro do 31 de xullo, o rafting no río Ulla do 12 de agosto, a xornada multiaventura en Padrón do 10 de agosto, a saída ao Trampoline Park do Urban Planet de Oleiros do 13 de agosto ou o paintball na Coruña do 20 de agosto. Ademais, este ano regresa ao programa o barranquismo en Pontevedra o 19 de agosto.
Tamén se manteñen actividades xa consolidadas e abertas á participación de toda a veciñanza, como o Día da Bicicleta, que celebrará a súa trixésimo sétima edición o 9 de agosto, e a Pequerruta Ciclista prevista para o 23 de agosto, neste último caso coa colaboración da Asociación Deportiva Downhill Laracha..
A inscrición nas actividades poderá realizarse tanto presencialmente na Casa da Cultura como a través da web municipal alaracha.gal/actividades. O prazo para anotarse nos campamentos e na actividade Pena Aventura Park abrirá o próximo luns día 18 ás 9:00 horas e o pechará o 24 de maio. No caso de existir máis solicitudes que prazas, realizarase un sorteo público o 25 de maio.
Para o resto de actividades e campus deportivos, as inscricións abriranse o martes 26 de maio ás 9:00 horas e as prazas outorgaranse por orde de inscrición.
O Concello lembra que todas as actividades teñen prazas limitadas e requisitos específicos segundo a idade e as características de cada proposta, podendo consultarse toda a información detallada na web municipal e nas redes sociais do Concello da Laracha.