Preto de mil nenos e nenas converterán a Cerceda na capital do fútbol base os días 24 e 25 de maio

1 minutes read

O Concello de Cerceda vén de presentar este xoves unha nova edición do Torneo de Fútbol Base, que se celebrará os días 24 e 25 de maio, nas instalacións do complexo deportivo do Roxo. A cita consolídase como unha das máis destacadas do deporte base na comarca, e faino cun importante crecemento respecto ao ano pasado: pasarase dos 40 equipos e 650 participantes de 2024 a 52 equipos e preto de 1.000 nenos e nenas nesta edición.

Durante a rolda de prensa, na que participaron o alcalde de Cerceda Juan Manuel Rodríguez, o edil de Deportes, Óscar Golán, o director das escolas deportivas municipais Alberto Pallas, e o presidente do Atlético Cercedense, Gabriel Bello, destacouse o éxito da convocatoria e o traballo conxunto entre o Concello e os clubs para fomentar o deporte base.

Deste xeito, participarán ata 18 clubs diferentes: CA Cercedense, SDC Ordes, ED O Dolmen, UD Carral, UD Paiosaco, Atlético Arteixo, SE Abella, Sporting Cambre, UD Coristanco, Xuventude Laracha, Trazo CF, Resmón CF, San Tirso, Sporting Coruñés, Sporting Burgo, Portazgo SD, SD Dubra e SD Sofán. Como novidade salientable, este ano ampliáronse as categorías participantes, que irán desde prebenxamín ata cadete, coa incorporación das categorías infantil e cadete por primeira vez. O torneo disputarase de xeito ininterrompido de 10:00 a 20:00 horas aproximadamente durante toda a fin de semana, convertendo os campos do Roxo nun espazo de encontro e convivencia para centos de familias, xogadores e adestradores de toda a contorna.

Dende o Concello de Cerceda queremos agradecer o esforzo de todas as persoas implicadas na organización e desexar moita sorte a todos os equipos participantes, convencidos de que esta edición será un novo éxito de participación e deportividade.