Na mañá deste mércores 18 de novembro aparecía o corpo sen vida de Rosario Porto no cárcere de Brieva, Ávila. A tristemente soada avogada compostelá, condenada a 18 anos de cárcere polo asasinato da súa filla Asunta Basterra, quitábase presuntamente a vida, aforcándose na súa cela.
Este caso pon sobre a mesa a situación actual en materia de prevención ante os suicidios e exponnos varios interrogantes. Para arroxar un pouco de luz a tan sensible problema, contamos coa opinión do Dr. Juan Carlos Díaz del Valle, reputado psiquiatra que conta cunha excelente e recoñecida traxectoria profesional.
En primeiro lugar, sinala que contorna ao 90 % dos casos son consecuencia dun trastorno mental. Aínda que maioritario, non é o único motivo. A cuestión que si adoita ser común no suicidio é a aparición dun gran sufrimento emocional.
Por outra banda, apunta á depresión como a enfermidade máis perigosa ante esta situación. Os síntomas principais son: tristeza prolongada e de moita intensidade, así como escasa autoestima, ademais de incapacidade para sentir pracer. Isto pode derivar en alteracións do soño, do apetito ou de índole sexual.
Destaca o concepto de ideación autolítica. Denomínase como tal á presenza persistente no suxeito de pensamentos ou ideas encamiñadas a cometer suicidio. Co obxectivo de desaparecer e deixar de vivir para frear o sufrimento. Chegados a este punto convén sinalar e poñer a énfase en que o suicidio nunca é a solución. Ademais de que os trastornos mentais, non só a depresión senón tamén os demais, son tratables. Cada vez hai máis tratamentos con resultados positivos e esperanzadores.
Ora ben, para maior efectividade e éxito, debe ir acompañado dunha alta sensibilización pois estamos ante un fenómeno complexo e multifactorial.
Non todos os intentos de suicidio teñen como obxectivo o quitarse a vida. Nalgúns casos buscan algún beneficio secundario como ser mellor tratado, captar maior atención, etc. Con todo, debemos facer fincapé que todas as condutas para-suicidas deben ser valoradas co maior rigor, en aras de evitar erros que desencadeen nun final tráxico. En ningún caso deben ser minusvaloradas e deixar de ser atendidas polos respectivos especialistas, aspecto destacado polo Dr. Díaz.
Segundo a OMS (Organización Mundial da Saúde) preto de 800.000 persoas quítanse a vida cada ano no mundo, sendo aínda superior o número de xente que o acomete en grao de tentativa.
O suicidio leva implícito un drama persoal con gran sufrimento que afecta e impacta con enorme virulencia na contorna do falecido.
Constitúe un dos maiores problemas de saúde pública existentes na actualidade.
A taxa de suicidios en Europa é de 13,9 x 100.000 habitantes/ano, mentres que en España é de 7,6 x 100.000 habitantes/ano (segundo datos do INE, 2018). Sitúase como a primeira causa de morte externa con 3.539 falecidos anualmente. Cifra que duplica ás producidas por accidentes de tráfico.
En clave galega falamos dunha taxa de 10,14 x100.000 habitantes, tamén no 2018, con 274 falecidos en total. Só Asturias, que encabeza a clasificación negativa, ten unha taxa superior con 13,42. No outro extremo temos a Cantabria con 4,83, a comunidade autónoma con menor índice de suicidios.
Apuntar que o número de suicidios é a miúdo subestimado. Considérase que o número real é superior ao contabilizado: factores sociais e políticos como o tabú e o estigma, regulamentos de pólizas de seguro e outros condicionantes sociais ou relixiosos inflúen no cálculo menor. Baste sinalar como exemplo que ata hai pouco tempo os falecidos por suicidio non podían ser enterrados en cemiterios católicos, algo afortunadamente xa superado, para quen profese tal crenza.
Todo suma á hora da prevención do problema. Accións como o tratamento do suicidio polos medios de comunicación, favorecen o avance neste aspecto. Trátase de aplicar un tratamento da información adecuado, profundando nos valores de prevención e fuxindo do amarillismo. En definitiva, cumprindo un labor social de axuda e cooperación ante unha problemática de semellante calado. Coa plasmación práctica do efecto Papageno, que é o efecto preventivo que pode ter sobre unha conduta suicida, unha comunicación responsable.
O Dr. Díaz del Valle apuntaba a existencia en Galicia dun plan de prevención con 2 anos de antigüidade. Manifesta con preocupación e denodado interese a necesidade urxente de atención inmediata de todo aquel que presente ideas autolíticas, posto que a gravidade da situación así o require e, simplemente, non se pode esperar. Atención ipso facto desde os servizos públicos e baixo unha perspectiva interdisciplinar (Psiquiatría, Psicoloxía, Enfermería, Traballo social, etc).
Desde as instancias oficiais é necesario un maior apoio na prevención, á vez que se debe dotar de máis e mellores recursos aos profesionais sanitarios, verdadeiros alicerces neste campo. Deben cumprirse os protocolos establecidos a machada sen que se perda o concepto de gravidade ante a situación e atención inmediata.
Sen ningunha dúbida contamos cun elenco de profesionais excelentes, simplemente hai que dotalos mellor e deixalos actuar. Con profesionais da Psiquiatría como o Dr. Juan Carlos Díaz del Valle temos moito camiño andado, que as institucións lle escoiten e atendan e avanzaremos en prevención. É urxente.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO