Segundo anunciaron representantes das devanditas formacións este luns, o pacto substanciarase este martes no Congreso a través das emendas transaccionais que elevarán á comisión do relatorio que debate a transferencia. A proposta debe ser aprobada de forma definitiva no Congreso e, posteriormente, negociarse o traspaso na Comisión Mixta de Transferencias, onde están representados o Goberno central e o Executivo autonómico. O deputado do BNG na Cámara Baixa, Néstor Rego, considerou que este acordo previo supón, con todo, «un paso moi importante» porque implica «que se transfiren a titularidade e todas as competencias”. Rego puxo en valor que, ademais, se respecta “fundamentalmente” o texto que emanou do Parlamento galego e que implica “a transferencia de titularidade e todas as competencias da AP-9 á Administración”, así como que o Estado “asuma todas as consecuencias económicas” das decisións tomadas sobre a vía. Isto significaría que o Goberno central seguiría asumindo o custo das bonificacións das peaxes ata que se poña fin á concesión que en principio conclúe no 2048, aínda que está a ser analizada polas administracións europeas. “Unha AP-9 libre de peaxes segue sendo o noso obxectivo”, concluíu Rego.
UCIN Galicia acusa a PSOE, BNG e Sumar de “electoralismo”
O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, asegura que “a inmensa maioría dos galegos desexa unha AP-9 gratuíta, e UCIN tamén o defende, pero a política responsable obriga a dicir a verdade completa e non só a parte que dá votos”. Desde a formación municipalista lembran que a concesión da autoestrada segue vixente ata o ano 2048 e que calquera rescate anticipado implicaría previsiblemente unha indemnización multimillonaria á concesionaria, ademais de posibles custos xudiciais derivados da ruptura ou modificación do contrato.