Recepción oficial ao sénior masculino do Club Baloncesto Laracha tras a conquista da Copa Premium

1 minutes read

O alcalde, José Manuel López Varela, recibiu oficialmente na Casa da Cultura ao equipo sénior masculino do Club Baloncesto Laracha para poñer en valor a destacada temporada realizada que concluíu coa conquista da Copa Premium da terceira división.

Ao acto tamén asistiu a concelleira de Deportes, Patricia Bello, e, en representación do club, a presidenta, Belén Fernández; o director deportivo, Sito Cabado; o adestrador, Pablo Cayado e parte dos xogadores que conforman a plantilla.

Durante a recepción, o rexedor trasladou os seus parabéns ao club polo título da Copa Premium, unha competición que reúne aos conxuntos das provincias da Coruña, Lugo e Ferrol que non disputaron a fase de ascenso. López Varela salientou o mérito dun equipo moi novo, formado por xogadores de entre 16 e 20 anos, que foi quen de manter un alto nivel competitivo ao longo de toda a temporada.

O alcalde tamén puxo en valor o traballo do club na formación deportiva e humana da mocidade, así como o seu papel como espazo de convivencia e crecemento persoal. “É un orgullo ver como a mocidade da Laracha pode competir representando ao seu concello, e como xogadores chegados doutros lugares acaban sentindo este club e este municipio como propios”.

Neste sentido, destacou a importancia da aposta polo deporte de base e o proxecto de futuro da entidade, que prevé seguir incorporando xogadores da Laracha e continuar consolidando unha estrutura deportiva sólida.

O alcalde concluíu agradecendo o esforzo de xogadores, corpo técnico e directiva, e reafirmou o apoio municipal ao deporte local, subliñando que “o éxito deste equipo é tamén o reflexo do talento e do compromiso da nosa xuventude”.