A actuación, que comezou o pasado mes de outubro e supuxo un investimento de preto de 50.000 euros, centrouse na construción dun novo itinerario de uso fundamentalmente peonil na marxe esquerda da estrada AC-552, entre os puntos quilométricos 48,1 e o 48,4, que dá servizo aos operarios do centro de control da AG-55 e aos veciños dos núcleos de Cazón, Camafreita e Denellón.
Con esta intervención tamén se conectaron as vivendas que están paralelas á AC-552. Ata o de agora os veciños circulaban pola beiravía ao non dispor deste novo itinerario, que mellora a seguridade e a comodidade nos seus desprazamentos a pé.
O novo itinerario acada os preto de 300 metros de lonxitude cunha anchura media de 1,80 metros. Dispón de base de saburra artificial, de 10 centímetros de espesor, que serve de soporte ao pavimento da senda, e de cor terrizo natural.
Entre os quilómetros 48,20 e 48+27 a cota da senda é inferior á da estrada para adaptarse ás entradas existentes.
Dispúxose, ademais, un colector, que conecta coa rede de drenaxe existente e ao que desaugan unha serie de sumidoiros dispostos ao longo da traza do itinerario. Tamén se executaron pozos de rexistro.