O Concello da Laracha e o Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes veñen de renovar o convenio en virtude do que a Aula Mentor da Laracha continuará operativa durante os próximos catro anos e coa posibilidade de prórroga por un período sucesivo de igualar duración.
Aula Mentor está en funcionamento na Laracha desde o ano 2021. Trátase dun programa dirixido a persoas adultas de formación en liña non regulada, flexible e con titorización persoal. Conta cun extenso catálogo de máis de douscentos cursos cos que os usuarios poden ampliar as competencias tanto persoais como profesionais. Todos eles débense facer en liña e nos horarios que cada usuario estime oportuno como alternativa á rixidez propia dos sistemas educativos convencionais.
Para facilitar a realización dos cursos, o Concello ten a disposición da cidadanía unha aula no Edificio Administrativo da Laracha co equipamento informático preciso e cunha administradora presencial que axuda e orienta ao alumnado en todo o proceso desde a matriculación ata o remate da formación.
O Concello anima á cidadanía a coñecer a Aula Mentor da Laracha e o catálogo de cursos. As persoas que desexen ampliar información, matricularse ou empregar a aula de informática municipal para realizar as formacións poden facelo presencialmente acudindo ao Edificio Administrativo da Laracha (Avenida Fisterra, 60), vía telefónica no 669963094, a través da web https://aulamentor.alaracha.gal/ ou na páxina de Facebook de Aula Mentor da Laracha (https://www.facebook.com/aulamentordalaracha).