Unha das persoas que navegaban en caiac na zona da Illa de Arousa contactou co 112 Galicia poucos minutos antes das 21:00 horas deste domingo para alertar dun incidente: dúas das súas compañeiras envorcaran e tiñan dificultades para reincorporarse á embarcación. Asegurou que, aínda que se atopaban en apuros, permanecían suxeitas aos caiac, nunha zona situada entre a illa do Areoso e a praia de Carreirón.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activou de inmediato o protocolo de rescate, alertando a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia, a Garda Civil, a Policía Local da Illa de Arousa e Protección Civil de Cambados.
Nese intre, o Servizo de Gardacostas confirmou a mobilización do helicóptero de rescate Pesca I.
Minutos despois, unha cuarta persoa que formaba parte do grupo conseguiu chegar a terra polos seus propios medios, en bo estado. Un particular que a atopou contactou co 112 Galicia para facilitar esta información.
Finalmente, o helicóptero Pesca I rescatou dúas das persoas implicadas, que foron trasladadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. A terceira foi recollida por unha embarcación particular e posteriormente evacuada ao Hospital do Salnés.