O sinistro produciuse por un golpe de mar entre os faros de Lobeira e Cee. Segundo informa a entidade pública Salvamento Marítimo, adscrita ao Ministerio de Transporte e Mobilidade Sostible, a embarcación inundouse e os seus tripulantes caeron á auga. Os propios náufragos avisaron por teléfono móbil o servizo de emerxencias sobre as 9:50 horas mentres aboiaban no mar. O Centro de Salvamento Marítimo (CCS) de Fisterra activou de inmediato o protocolo de actuación. Ademais de mobilizar o helicóptero Helimer 402 e a embarcación auxiliar do buque María Pita, alertaron os barcos que se atopaban na zona para solicitar a súa colaboración. A embarcación auxiliar do María Pita logrou rescatar os tres tripulantes, dous deles con síntomas de hipotermia. Despois, trasladounos ao porto de Cee para recibir atención médica na vila.