O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este martes que o Executivo galego asume a partir do 1 de xullo a xestión do litoral -despois da firma do traspaso de competencias co Goberno central- coa ilusión e o sentido de responsabilidade polo traballo ben feito que esixe unha cuestión que é vital para a cidadanía e para as distintas actividades asentadas na liña de costa: “A xestión do Litoral ten que ser unha das mostras máis significativas da Galicia Calidade na xestión. Desa maneira de gobernar que queremos implantar en Galicia”, salientou.
Así o fixo na Cidade da Cultura, onde participou, acompañado de varios conselleiros do seu Goberno, na reunión da Comisión Interdepartamental de Coordinación da Ordenación do Litoral. Nela, fíxose balance do traballo desenvolvido neste eido no último ano e presentouse a folla de ruta da ordenación do litoral de Galicia ao tempo que se expuxo a proposta de constitución do Comité Técnico de Planificación de Instrumentos de Ordenación do Litoral: “Isto é moito máis que una Comisión Técnica: é un punto de inflexión. É o instrumento para xestionar un momento histórico, que vai determinar que Galicia poida ter capacidade de decisión sobre o que afecta ao seu Litoral. É tanto como dicir que Galicia vai ser quen de decidir o seu futuro”, apuntou o presidente.
Na súa intervención, Rueda salientou que a creación deste comité servirá, entre outras cousas, como punto de encontro e de colaboración entre as consellerías implicadas na xestión da costa, xa que a ordenación do litoral non é algo que competa a un único departamento, senón que é un asunto transversal que vai ser unha responsabilidade compartida por todo o Goberno autonómico: “Isto necesita unha actuación coral de diversos departamentos da Xunta de Galicia. Todo o que ten que ver co medio ambiente, con turismo, con ordenación do territorio, con cultura… en definitiva, unha responsabilidade transversal”, remarcou.
Neste sentido, o presidente da Xunta apuntou que deste comité van depender “moitas iniciativas e moi ambiciosas”. Entre elas, atópase a rede de sendas do litoral, que conectará Galicia pola costa desde Ribadeo ata A Guarda; a rehabilitación de numerosas edificacións cun importante valor patrimonial presentes no litoral; ou a rede sostible de establecementos hostaleiros, coa que contribuír a poñer en valor a calidade dos servizos que ofrece a Comunidade aos turistas galegos ou foráneos. Uns obxectivos que, para Rueda, son “realizables, cuantificables e comprobables”.
Ademais, Rueda anunciou que proximamente se vai convocar unha reunión de todos os concellos costeiros de Galicia, un “cumio sen precedentes” para dar forma ao Pacto Galego polo Litoral, xa que será o marco de referencia para deseñar as políticas que garantan un litoral vivo, produtivo e sostible. Nesta liña, o presidente apuntou que quere que “esta competencia sexa un exemplo de cogobernanza”.
Por último, o titular do Executivo galego salientou a importancia que ten o exercicio pleno das competencias de xestión do litoral para Galicia. Neste sentido, incidiu en que, a maiores dos medios humanos e materiais traspasados polo Goberno central, a Xunta mobilizará persoal e investimentos co fin de que a ordenación da costa galega responda á importancia que ten para a Comunidade, a máis importante de España e de Europa no que ao complexo mar-industria se refire e todo un referente internacional no eido do turismo, da paisaxe e do patrimonio natural e cultural. “Pedimos esta competencia porque sempre pensamos e seguimos pensando que o Litoral xestionado desde Galicia ía estar mellor xestionado. Agora toca o momento de demostralo. Poñémonos a traballar”, rematou o presidente.