Senda Nova advirte da posible desaparición do bosque da Ribeira da Pena, en Carballo

1 minutes read

Desde a asociación ambiental Senda Nova un pode descubrir paisaxes extraordinarias, nutrirse culturalmente debullando o patrimonio da comarca de Bergantiños e, por suposto, poñer en valor a propia natureza. Isto é posible grazas a programas como «Primavera en ruta», que xa está na súa XII edición.

Sen embargo, esas rutas realizadas pola asociación tamén serven para denunciar o esquecemento de certo tipo de bosques por parte das administracións, como é o caso de Ribeira da Pena (Carballo), unha das «masas autóctonas máis importantes de toda a Costa da Morte e un dos espazos de interese en perigo extremo de desaparición», sinalan desde Senda Nova. O motivo? A cantidade de «novas e insensibles plantacións de eucaliptos que soben polas muralla do castro de Aldemunde».

A Ribeira da Pena é o eixo dos Camiños de Aldemunde, un dos itinerarios máis antigos que realizan desde a entidade e, sen dúbida, o máis percorrido porque a senda agasalla, en pouca lonxitude, «un paseo por un bosque encantado, cunha visita a un muíño en funcionamento, a un dos castros máis importantes da bisbarra e a Pedra Moura, ese dolmen que é capaz de incluír a Carballo no futuro Parque do Megalitismo».

Desde a entidade continuarán facéndose eco das virtudes e problemas que se atopan polo camiño mentres descobren a maxia da comarca de Bergantiños e, como non, da Costa da Morte.